"Por seren uns namorados da súa cidade", defendeu o candidato do PP ferrolán, Juan Juncal, a escolla de Los Limones para a banda sonora da súa campaña. Durante a presentación oficial da canción, Juncal lembrou un tema anterior do mesmo grupo "que reproducía de xeito inequívoco a situación que lle tocou vivir á cidade e a súa comarca na década dos 80 coa reconversión naval". "Un tema que falaba de crise e desesperanza pero que intuía unha luz á fin do túnel", comentou o actual alcalde.
Juncal agradeceulle a Los Limones que aceptaran o convite do PP para participar na campaña electoral do partido e asegurou que o tema que arranxou o grupo, "La capital del mar", describe "o que queremos que sexa Ferrol, unha cidade diferente, chea de oportunidades, onde as próximas xeracións poidan desenvolverse e onde os que marcharon no seu dúa poidan volver para gozar dun Ferrol para eles e para seus fillos".
Durante o acto, o vocalista do grupo, Santi Santos, chamou a potenciar o "orgullo de ser ferrolán, do que temos máis os que vivimos habitualmente fóra de Ferrol que os propios ferroláns que viven na cidade".