O BNG de Cervo subliña que aínda non se tomou ningunha decisión sobre o xacemento e piden un acordo co promotor para evitar máis prexuízos sobre os restos arqueolóxicos.
Península da Atalaia
Despois de que o Goberno bipartito ordenase a paralización (verán 2007) das obras de construción de vivendas no mesmo lugar no que foi achado un xacemento arqueolóxico, no Castro da Atalaia (San Cibrao-Cervo), a actual Xunta non moveu aínda ficha sobre as súas intencións ao respecto da demandada conservación do conxunto arqueolóxico.
O BNG de Cervo pide precisamente información e pregunta polos plans do executivo: "se se vai conservar in situ o xacemento, se se van ampliar as escavacións ou como pretende solventar co propietario dos terreos privados con licenzas de construción concedidas o futuro do castro".
Ademais, din "agardar" que o Goberno "vaia nunha liña máis positiva que a demostrada polo goberno local, que permitiu esbandallar unha parte do xacemento ao incumprir unha orde de Patrimonio". En concreto, recordan que foi o municipio quen concedeu tres licenzas de construción na zona "sabendo que había restos arqueolóxicos, non informou ao promotor desa circunstancia e non solicitou informes previos a Patrimonio antes da súa concesión".
Ademais de lembrar que na actualidade está a ser o propio promotor quen "está a financiar os traballos de escavación", piden un acordo coas administracións para salvar o Castro. Entenden que "a solución máis beneficiosa para a administración pública é a permuta de solo e dereitos urbanísticos".
Máis información en Vieiros: