O conselleiro de Medio Ambiente elude falar das achegas económicas que fará a Xunta de Galiza, mentres non se coñeza o seu emprazamento final.
Co ano 2018 no horizonte, Celulosas e a Xunta xa mantiveron dúas xuntanzas para abordar o traslado da pasteira da ría de Pontevedra. Así o confirmou o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, quen adiantou que a empresa está a estudar unha posíbel nova situación dentro da mesma comarca, unha petición que fixera o propio Goberno.
Hernández asegurou que nestes encontros explicou de maneira “clara e concreta” o posicionamento da Xunta ao respecto de cal debe ser o futuro da fábrica de Lourizán: que o traslado non se pode demorar máis alá do prazo máximo de 2018. Ademais, indicou que, se ben é cedo para falar de posíbeis achegas económicas por parte do executivo, a Xunta non porá cartos sobre a mesa até que haxa unha opción concreta para o novo emprazamento.
O conselleiro confirmou que ten constancia de que a empresa “está traballando no deseño deste traslado” e eludiu referirse a un hipotético custe da operación de traslado. “Agora é Ence”, dixo,“quen ten que tomar a súa decisión empresarial”.