Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Impacto na ría

Ence di que non contamina, á APDR dálle a risa

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra contéstalle ao director da celulosa, recordando as condenas e incumprimentos en materia ambiental.

Redacción - 11:45 24/07/2009
Tags: APDR Ence

As denuncias polo grave impacto ambiental do complexo industrial de Lourizán teñen sido reiteradas durante anos e a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) acumula unha longa traxectoria de loita fronte a esta situación.

Ao fío das recentes declaracións do representante máximo da empresa na cidade do Lérez, nas que este aseguraba que "non existe ningunha razón, nin técnica nin ambiental" para o traslado da factoría, a APDR lémbralle algún dos principais "incumprimentos claros" da normativa ambiental. De xeito concreto, sinala o colectivo que as emisións da factoría triplican os límites permitidos legalmente nunha zona sensíbel como é a ría pontevedresa.

Antón Masa, voceiro da plataforma cidadá, explica para Vieiros que cos datos ofrecidos pola propia Xunta, e vendo as medicións de sólidos en suspensión e fósforo por exemplo, os incumprimentos son innegábeis. Láiase Masa do pouco estrito marco legal que lle permitiría á empresa esquivar os requirimentos no ámbito das emisións á atmosfera. E critica tamén a falta de transparencia en xeral en todo o relativo á actividade do complexo e a dificultade para acceder a datos concretos.

Mercurio en punta Placeres
Unha das denuncias máis recentes chegaba ao fío dun informe da asociación ecoloxista Greenpeace, onde se evidenciaba a presenza de mercurio na zona de Praceres. As análises realizadas polos ambientalistas atoparon concentracións deste metal pesado moi por riba dos límites legalmente estabelecidos. As augas residuais da planta de cloro de Lourizán chimpaban directamente a esa área durante anos, malia que desde hai pouco foron desviados por un emisario submariño que verte diante da illa de Tambo. De calquera xeito, a presenza de mercurio nestas cantidades é un dos exemplos máis evidentes da degradación das augas da ría e do risco para a saúde humana.

"O máis preocupante é que estas industrias conten co beneplácito dos poderes públicos para seguiren contaminando libremente e manifestan abertamente a súa intención de non investir en técnicas máis limpas existentes e mesmo sortear a lexislación que limita as súas emisións", reprochaba o director de Greenpeace, Juan López Uralde, durante a presentación dun informe do colectivo adicado á industria do cloro.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: