O director da factoría pontevedresa afirma que a empresa "cumpre co que ten que cumprir".
Un grupo de mozos sostén un cartaz pedindo o traslado de Ence da Ría de Pontevedra
Do discurso oficial da empresa pasteira Ence este xoves en Pontevedra non se desprendeu a presunta inminencia de traslado que pesa sobre a factoría que ocupa espazo de privilexio a pé da ría. Non hai moitas semanas que, en declaracións aos medios, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, admitía que o Goberno mantén a vontade manifestada polo anterior executivo respecto do traslado deste complexo industrial a outra localización.
Con todo, cara ao público, a posición de Ence semella ignorar que ese proxecto estea na mesa. Nesa liña, o director da fábrica da empresa en Pontevedra, José Antonio Camblor, afirmaba este xoves que "non hai ningunha razón técnica nin ambiental que poida xustificar o traslado do complexo industrial da Ría de Pontevedra". Foi durante a presentación na cidade da "Declaración Ambiental Anual" da empresa. De todas formas, concedeu o directivo que aínda sendo "unha operación complicada" tal traslado si "se podería facer".
Por outro lado, o voceiro de Ence asegurou que a empresa non prevé recortes como os estabelecidos para a fábrica de Huelva, onde se realizou un despedimento masivo. "Non é o caso do complexo de Lourizán", subliñou, afirmando que polo momento non haberá expediente de regulación de emprego en Pontevedra. Doutra banda, asegurou que no próximo exercicio, Ence "vai seguir reducindo consumo de auga e fuel e incrementando eficiencia enerxética no complexo".