Carme Gallego, secretaria de Medio Ambiente do PsdeG, revela que o anterior executivo non puido chegar a acordo coa empresa para o levantamento do complexo de Lourizán.
A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG e ex conselleira de Pesca, Carmen Gallego, asegurou este martes que o anterior Goberno negociou o traslado de Ence ao municipio coruñés d'As Pontes, pero "non se chegou a un acordo" posto que, argumentou, o que nese momento pedía a empresa "era excesivo" a xuízo do executivo que dirixía Emilio Pérez Touriño.
De feito, a deputada socialista sinalou que a das Pontes era unha situación alternativa "bastante consensuada e mesmo asumida" no propio concello coruñés, onde existen acordos plenarios ao respecto. Non obstante, precisou, a negociación truncouse porque a empresa non se conformou coa proposta da Xunta que, segundo Gallego, estaba disposta a financiar parte da nova situación. "Na nosa mente estaba manter a actividade industrial e os postos de traballo, pero en ningún caso facerlle un favor a unha empresa que, á fin, ten que abandonar a súa actual situación na Ría de Pontevedra en 2018", advertiu.
Así as cousas, o PSOE pídelle agora á Xunta que preside Alberto Nuñez Feijoo que aclare a súa postura respecto ao futuro de Ence, e que canto antes encare a negociación para o traslado porque "hai que negociar e chegar a un acordo coa empresa e os sindicatos, buscar unha situación alternativa e construír a nova fábrica". A xuízo de Carme Gallego todo iso levará entre seis e sete anos e "se o acordo para o traslado se demora máis alá de 2010 ou como moito 2011, non se chegará a tempo para 2018", cando vencerá o prazo da concesión que permite a situación de Ence en dominio público.