Nos últimos meses incrementáronse os ataques na zona. En marzo, dous soldados británicos morreron e catro resultaron feridos.
Policía do Ulster
Un policía resultou ferido de gravidade este venres pola explosión dun coche bomba en Irlanda do Norte, segundo informan as axencias internacionais. A bomba explotou na localidade de Baile Raghnail (Randalstown, en inglés) condado de Aontroim (Antrim, en inglés), ao norte de Béal Feirste (Belfast, en inglés).
Malia da vixencia dun acordo de paz, sucédense con frecuencia incidentes violentos entre a poboación protestante maioritariamente, partidaria de que Irlanda do Norte siga a ser unha provincia británica, e os católicos na súa maioría, que avogan por unha unión coa República de Irlanda. No entanto, cómpre lembrar que o problema non é relixioso senón político.
En outubro pasado, disidentes republicanos detonaran unha bomba colocada nos baixos do coche dun policía. Antes, no mes de marzo, dous soldados morreron e catro resultaron feridos nun ataque contra unha base militar.
O IRA Auténtico (Real IRA, RIRA), brazo escindido do Exército Republicano Irlandés (IRA Provisional ou PIRA, coñecido comunmente como IRA), reivindicara o asalto que foi condenado polo Sinn Féin, brazo político do xa inactivo PIRA. Días despois, tamén o IRA da Continuidade (Continuity IRA, CIRA) atribuíuse o ataque.