Trátase do buque número 57 con destino a Reganosa dende que a planta iniciase a súa actividade en maio de 2007.
O Comité convoca unha concentración na chegada do gaseiro número 57
O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol volve denunciar unha nova entrada irregular dun gaseiro en dirección a Reganosa. Este buque é o número 57 que transporta a súa carga de gas natural licuado até Punta Promontoiro (Mugardos), no interior da ría de Ferrol, dende que entrase en funcionamento a terminal, que arrincou en fase de probas en maio de hai dous anos.
Segundo os datos facilitados polo Comité trátase do metaneiro "LNG Abuja", que navega baixo bandeira das Bahamas e ten 285 metros de eslora e unha antigüidade de 30 anos. Unha vez máis, este colectivo, que agrupa a medio cento de entidades veciñais, ecoloxistas e culturais, protestará polo risco que supón para a comarca o constante tráfico marítimo destes buques. En concreto, a convocatoria chama a participar nunha concentración na noite do martes perante ás oficinas da Xunta de Ferrol.
O tema Reganosa na Unión Europea
Mentres, o grupo municipal de Esquerda Unida (EU) anunciou estes días que presentará nova documentación contra Reganosa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Este anuncio faise pouco despois de que se publicase que o órgano comunitario pechara o expediente aberto a instancias de EU, da Federación de Asociacións de Veciños Roi Xordo e da Confraría de Pescadores de Ferrol. Dende estas organizacións desmentiron con rotundidade que a denuncia fose arquivada.
A día de hoxe seguen pendentes de resolver os recursos xudiciais sobre o emprazamento de Reganosa. O accionariado da gaseira está composto pola Xunta de Galiza (cun 10% do capital), xunto con Endesa e Unión Fenosa (21%), o Grupo Tojeiro (18%), Sonatrach e Caixa Galicia (10%) e Caixanova e o Banco Pastor (5%).