Esquerda Unida emitiu un comunicado onde "desminte con rotundidade" que a denuncia fose arquivada, tal e como publicou nas últimas horas algún medio.
Planta de Reganosa
Nas últimas horas algún medio de comunicación informaba de que a comisión de Peticións do Parlamento Europeo pechara esta cuarta feira o seu expediente sobre a planta regasificadora de Reganosa, en Mugardos, co argumento de que a Comisión Europea "analizou a instalación e non apreciou ningunha violación das normas comunitarias".
Esquerda Unida (EU), unha das demandantes xunto coas asociacións de veciños e a confraría de pescadores (que fan parte do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol) enviaba un comunicado aos medios esta quinta feira onde "desminte con rotundidade" que a denuncia fose arquivada.
"O Grupo Parlamentar da Esquerda Unitaria Europea, onde se atopa integrado o parlamentario de Izquierda Unida, Willy Meyer, desenvolveu nestes días unha serie de xestións diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo conducentes a manter a vixencia da devandita denuncia", aseguran.
O resultado destas iniciativas, afirman desde EU, é "o mantemento da denuncia aberta na comisión de Peticións", segundo confirmou esta mesma quinta feira pola mañá o propio eurodeputado Willy Meller.
Neste senso, a formación anunciou que van achegar nova documentación diante da Comisión de Peticións co fin de "apoiar a argumentación presentada" polos 60 colectivos que hai máis dun ano viaxaron até o Parlamento Europeo para presentar a denuncia contra a planta de gas.
Iniciativas parlamentarias no Congreso
Ademais, teñen previsto presentar tamén no parlamento español varias iniciativas en forma de preguntas parlamentarias para lle "reclamar ao Goberno do Estado un pronunciamento sobre os continuos problemas que teñen os gaseiros para entrar na ría de Ferrol e os perigos derivados para a seguridade da veciñanza da zona".
"Pendentes de resolver xudicialmente os recursos sobre o emprazamento de Reganosa, que en primeira instancia dan a razón á denuncia presentada por EU, afirmamos a nosa determinación de acompañar o rexeitamento cidadá dunha planta de gas ilegal e perigosa para a vida de milleiros de persoas e para a riqueza que alberga a ría de Ferrol", conclúen o comunicado.