Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INEM

En novembro, 263 novos desempregados ao día

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego incrementouse en Galiza un 3,78% máis que no último mes, o dobre que a media estatal.

Redacción - 11:00 02/12/2009



Novembro é o cuarto mes consecutivo no que medran as cifras do paro en Galiza. Aínda máis, a taxa de incremento é a terceira máis elevada de todo o Estado, o que nos depara unha situación laboral en continuo debilitamento.

Os datos que ofrece o Instituto Nacional de Emprego (Inem) fálannos dun incremento do paro en 7.905 persoas no último mes de novembro, é dicir, diariamente perderon o seu traballo unha media de 263,5 persoas. En termos porcentuais, o paro subiu un 3,78% con respecto a outubro e o número total de desempregados galegos sitúase en 16.828 persoas. En termos interanuais, a subida do paro en Galiza é do 19,91%, logo de que se incribisen no paro un total de 36.008 persoas no último ano.

O dobre que no Estado Español
Se botamos un ollo ós datos do Estado Español, o número de parados subiu en novembro nun 1,6% (60.593 persoas), de xeito que a cifra total de desempregados se sitúa xa en 3,8 millóns de persoas. Encadea tamén o seu cuarto ascenso consecutivo, se ben a suba de novembro é moi inferior á do mesmo mes do ano pasado e achégase paulatinamente aos niveis medios dos meses de novembro dos anos anteriores.

Por sectores, os servizos levan a peor parte
As actividades relacionadas cos servizos foron as que experimentaron o maior número de despedimentos. O paro aumentou neste sector en 3.907 persoas e situou a cifra de desempregados en 120.913 persoas. Séguelle o sector da construción (33.250 novos parados), o da industria (974), o agro (259) e o colectivo sen emprego anterior.

Por provincias, A Coruña á cabeza
A Coruña lidera as estatísticas en canto a número de persoas sen traballo: ao remate de novembro inscribíronse no Inem un total de 86.992 persoas. En Lugo, o número ascende a 20.770; en Ourense, 24.558; e en Pontevedra, 84.508 persoas.

Por xénero e idade
Do total de parados cos que conta Galiza, 97.861 son homes e 118.967 son mulleres. Ademais, os menores de 25 anos desempregados en novembro chegaron á cifra de 23.663, dos que 13.011 son homes e 10.652 mulleres.

Menos contratos e de carácter temporal
A contratación descendeu neste último mes un 13,25% con respecto a outubro: os contratos formalizados alcanzaron os 54.757, entre os que se inclúen indefinidos, temporais e conversións a indefinidos. Do total de asinados, 49.466 foron de carácter temporal e 5.291 foron indefinidos.

Evolución dos últimos meses:


Ligazóns

4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: