 
En calquera caso, o Estado non o concederá até a finalización dos plans de viabilidade técnico e financeiro da obra.
 
											O presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe, condicionou a concesión do crédito para o Porto Exterior da Coruña até a finalización dos plans de viabilidade técnico e financeiro da obra, aínda que apuntou que este empréstito -para facer fronte ao desfase presupostario na execución do proxecto- será "exactamente igual" ao do porto de Xixón. 
  
"Vai ser co mesmo formato e coas mesmas condicións", asegurou Laxe, en declaracións aos xornalistas coincidindo coa súa presenza na conferencia que o alcalde da Coruña, Xavier Losada, pronunciou este venres nun encontro organizado por Nova Economía Forum, onde o edil avogou por que esta obra sexa unha realidade "nos prazos xa estabelecidos". 
  
A preguntas dos xornalistas de este se cumprirán, Laxe pensa que "si" e remarcou que as obras "seguen funcionando e ao mesmo ritmo". "Só é cuestión de pechar definitivamente a obra final para evitar modificacións sucesivas". Neste senso, indicou que "falta pouco para rematar o traballo" de estudo dos plans de viabilidade. 
  
"Amparo" do goberno español 
"Unha vez que Portos do Estado saiba a cantidade" do desfase presupostario "asinarase coa Autoridade Portuaria" o empréstito por parte do Ministerio de Fomento. Ademais, reiterou o "amparo" á obra do goberno español, que vai "socorrer e axudar" a Autoridade Portuaria da Coruña por se tratar dunha obra de "interese xeral".   
  
"O que non vai é a quedar de brazos cruzados", sinalou ao recordar que inicialmente son as autoridades portuarias "as que teñen que autofinanciarse", sinalou. Pola súa banda, o alcalde da cidade asegurou que nin el, nin o ministro de Fomento, nin o presidente de Portos do Estado teñen "ningunha dúbida" sobre a execución desta obra.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto