O orzamento ascende ao dobre do previsto inicialmente. Fomento di que é o momento de facer unha reflexión.
283 millóns de euros están no centro da polémica e marcan as distancias políticas entre PP e PSOE na formulación do futuro do Porto Exterior da Coruña. Logo de que transcendese a cantidade exacta á que ascende o déficit presupostario no financiamento adicado a esta infraestrutura, Xunta de Galiza e Fomento fixeron públicas as súas discrepancias sobre as instalacións de Punta Langosteira.
Dunha banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pediu ao goberno español a "coherencia" necesaria para procurar unha solución a este "despropósito político". Entende que foi o Estado quen "licitou e decidiu facer a obra, polo que asegura que é súa a "responsabilidade de concluíla". Insistiu na importancia deste Porto Exterior, unha infraestrutura que considerou "de interese para toda a fachada atlántica europea", malia estar situada a menos de 18 quilómetros por mar do outro porto exterior, o de Ferrol, e adiantou que "polo menos hoxe xa se sabe canto vai custar e que houbo desvíos".
Reformulación do proxecto
Da outra banda, o Ministerio de Fomento xa adiantou que, tal e como están as cousas, se fai necesaria unha reflexión sobre a formulación da obra. Cun custe que ascende ao dobre do previsto inicialmente (789 millóns de euros), o goberno español pregúntase pola viabilidade técnica, comercial e, sobre todo, financeira, do Porto Exterior.
A posibilidade que se baralla para cubrir o burato económico de 283 millóns de euros é o da sinatura dun crédito brando (como o asumido para o porto de Xixón), mais o departamento de Xosé Blanco exixiría a existencia de garantías sobre a utilidade desta infraestrutura. Con discrepancias evidentes entre o formulación da obra e a súa execución e coa crise económica sobre a mesa, a consigna en Fomento é deixar as cuestións técnicas totalmente claras, e evitar máis sobrecustes financeiros.
Mentres, a política municipal da cidade da Coruña tamén vive intensamente a constante polémica que rodea á dársena. Dunha banda, o alcalde, Xabier Losada (PSdeG) amosouse especialmente crítico co informe da Autoridade Portuaria e a súa petición de crédito para afrontar o burato económico. Losada entende que o proxecto é xa imparábel e recorda o "compromiso de Fomento". Pola súa parte, o BNG, que defendera nos pasados días a entrada de capital privado na obra (un extremo que foi descartado pola Autoridade Portuaria), exixiu novamente responsabilidade e fixo un chamado a buscar unha solución que dea unha resposta á actual encrucillada do Porto Exterior, unha infraestrutura que tamén considera fundamental para a cidade.