As principais desavinzas céntranse na postura a asumir respecto a Israel: Abbas é partidario da negociación e Hamas négase a recoñecer o réxime sionista.
Coa vista posta nas eleccións de 2010, ábrese un camiño para a reconciliación entre Hamas e Fatah. Así o confirmaron os seus líderes, en resposta á convocatoria de Exipto, quen hospedará unha conferencia para sentar as bases sobre o posíbel acordo entre as dúas formacións.
A máis difícil foi a aceptación de Hamas, unha confirmación que chegou a última hora da man do seu líder, Khaled Meshaal, quen respondeu favorabelmente á proposta exipcia, se ben manifestou certas reservas. Adiantou que a ocasión será boa para iniciar o "diálogo nacional", mais adiantou que primeiro terá que ver o borrador final da iniciativa.
Terceira semana de outubro
Entre os temas que centrarán este "cumio palestino", que previsiblemente se celebrará na terceira semana de outubro, atópanse a creación dun goberno de unidade nacional, para o que as formacións deberán acordar a reestruturación das forzas de seguridade palestinas (na actualidade, cada un emprega aos seus efectivos no territorio que ocupa). Ademais, deberán definir o calendario de eleccións presidenciais e lexislativas, previstas para comezos de 2010, e a revitalización da Organización para a Liberación Palestina (OLP).
As principais desavinzas entre Hamas e Al-Fatah obedecen ás diferentes posturas que defenden ao respecto de Israel: Abbas é partidario da negociación, mentres que Meshaal se nega a recoñecer ao réxime sionista e a renunciar ao dereito de loita contra a ocupación dos seus territorios. Con todo, a previsión que manexa o país anfitrión, Exipto, é que nesta xuntanza os palestinos asinen un acordo de unidade que reforzaría o seu papel fronte a Israel.