Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONGRESO DE AL FATAH

En marcha a renovación da causa palestina

Mahmud Abbas apela á resistencia nunha xuntanza chamada a elixir unha nova cúpula e revisar o programa do partido que fundara Yasir Arafat.

Redacción - 13:00 05/08/2009
Mahmud Abbas asegurou que Al Fatah se reserva "o dereito de resistencia", se ben eludiu o termo "armada"

Mahmud Abbas asegurou que Al Fatah se reserva "o dereito de resistencia", se ben eludiu o termo "armada"

"Aínda que a paz é a nosa elección, reservámonos o dereito á resistencia, lexítima segundo o dereito internacional". Así falou o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas no sexto congreso do histórico movemento nacionalista palestino Al Fatah. Recoñecendo erros, como os que levaron á derrota electoral, e chamando a aprender dos fracasos, Abbas avogou por novas formas de resistencia, como a desobediencia civil contra a ampliación das colonias e a construción do muro co que Israel está a anexionar aínda máis terras palestinas.

Ademais, criticou aos "golpistas" de Hamas, dos que reiterou o seu distanciamento, e denunciou a "represión que sofren os militantes de Al Fatah en Gaza, que non puideron asistir ao Congreso ante a flata de aprobación do movemento islamista.

Proxecto político
O líder palestino explicou o proxecto que defenderá Al Fatah e que será sometido a este congreso. Así, reiterou a súa postura de negociar unha saída ao conflito con Israel "mentres haxa posibilidades", se ben asegurou que no caso de que esta estratexia fracasase queda o "dereito á resistencia". Con todo, non falou nunca de "resistencia armada". Estas palabras non constan en ningún parágrafo do borrador agora sometido a votación, se ben inclúe certo grao de violencia, sempre nos territorios ocupados, e contémplase a posibilidade de declarar unilateralmente un Estado palestino nos territorios conquistados en 1967 de non acadarse un acordo político co Estado sionista.

Ademais, o borrador tamén confirma que Al Fatah rexeitará recoñecer a Israel como "un Estado xudío", unha das exixencias do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu para acceder á creación dun Estado palestino (que, en todo caso, non tería as atribucións de soberanía de calquera país do mundo).

Malia todo, dende Israel xa entenderon estas declaracións como "unha declaración de guerra" porque non pecha definitivamente as portas á loita armada. Así se pronunciou Yuli Edelstein, ministro de Información israelí.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: