Convidado pola Asociación de Amizade con Israel, Raphael Schutz participa esta semana en dúas charlas-coloquio na Coruña e en Vigo.
O embaixador israelí no Estado Español, Raphael Schutz, participa este mércores na Coruña nunha charla-coloquio organizada pola Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) que leva por título "Israel: O Medio Oriente". Será a partir das 20.00 horas no Club Financeiro da cidade.
O acto será presentado por Júlio Bejar, socio de AGAI e escritor, e por Francisco Linares, tamén socio da Asociación Galega de Amizade con Israel e do Club Financeiro Atlántico.
Á mesma hora, fronte ao local social, desenvolverase unha concentración de repulsa ao Estado de Israel que convoca a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, e que secunda entre outros colectivos, Galiza por Palestina (GxP).
A charla-coloquio repetirase este xoves en Vigo, tamén coa presenza de Schutz, que estará acompañado polo ex alcalde da cidade, ex senador e ex eurodeputado do Partido Popular, Manuel Pérez, e polo presidente de AGAI, Pedro Gómez-Valadés. Será no Pazo Los Escudos, a partir das 20.00 horas.