Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Camiños de ferro

Goberno e oposición defenden o proxecto de TAV Vigo-Porto

Responden as pretensións da candidata do PSD á Presidencia portuguesa, Manuela Ferreira Leite.

Redacción - 17:15 14/09/2009

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, defendeu a "utilidade" da conexión de alta velocidade ferroviaria con Portugal asegurando que hai "unanimidade" na eurorrexión. Engadiu que se coordinará co Ministerio de Fomento para estabelecer unha "estratexia" para manter as liñas.

En resposta a preguntas dos xornalistas sobre a pretensión da candidata do PSD á presidencia de Portugal, Manuela Ferreira Leite, de anular as conexións con Galiza, o conselleiro dixo que "gañe quen gañe, traballaremos para que a conexión de TAV con Portugal sexa unha realidade". Así, resumiu a postura do Goberno na vontade de "non inmiscirse" no proceso electoral portugués e na defensa da postura "unánime" da eurorrexión.

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, exixiulle ao presidente da Xunta que "rexeite" e "desautorice" a proposta do Partido Social Demócrata portugués de paralizar a construción do TAV entre Vigo e Porto. Vázquez lembrou as críticas conxuntas do PPdeG aos gobernos de Touriño, Zapatero e Sócrates por "marxinar a Galiza" ao aprobar un TAV "máis lento" e por "amparar os atrasos". Tamén amosou a súa "sorpresa" e o seu "rexeitamento" ao anuncio de Ferreira Leite e anunciou unha ofensiva parlamentaria dos socialistas para que se manteña a infraestrutura.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, comparou a intención de Ferreira Leite coa "austeridade" do Goberno de Feijoo e lembrou que os seus respectivos partidos comparten grupo na Eurocámara. Aymerich afirmou que se chega á situación "como consecuencia da austeridade" e lamentou que "se esta señora gaña, non se vai facer unha conexión importantísima" para vertebrar a Eurorrexión, seguindo a "mesma filosofía política: que en momentos de crise os gobernos non teñen que investir, nin actuar como motores, nin crear emprego". Tamén chamou a atención do goberno español para que "ademais de prometer as obras, as faga".

Dende o PPdeG, o voceiro parlamentario, Manuel Ruíz Rivas, defendeu a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto e manifestou o seu desexo de que a "ameaza" do PSD "non se leve adiante", porque a infraestrutura sería "unha fonte de riqueza". Ruíz circunscribiu a promesa da candidata conservadora "nun contexto político electoral". Lembrou, ademais, que os populares son partidarios da infraestrutura no seo da Eurorrexión, aínda que insistiu que agora mesmo a súa "prioridade" é que se cumpran os prazos de conexión de alta velocidade entre Galiza e a Meseta e que se "vertebre" o Estado Español. Engadiu que se amosaba partidario de que as liñas de proximidade que transcorran "exclusivamente" por territorio galego sexan "competencia" da Xunta.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: