Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPROMÉTESE A LICITAR AS OBRAS DE INMEDIATO

Blanco anuncia que Fomento destinará en setembro 433 millóns para o TAV galego

O ministro asegura que Galiza aguanta a crise mellor que o resto do Estado porque está recibir "o maior investimento de obra pública da historia".

Redacción / EP - 16:30 21/08/2009

Xosé Blanco semella querer demostrar a toda costa que el é o mellor garante para que non haxa novos atrasos nas obras do Tren de Alta Velocidade (TAV). O ministro de Fomento desprazouse este venres até á Estrada para ver os traballos no túnel de Castro. Alí mesmo, o de Palas de Rei dixo que de xeito inmediato, no vindeiro mes de setembro, o seu ministerio vai licitar obras do TAV por un importe de 433,4 millóns de euros.

Blanco lembrou que no que vai de ano xa se teñen licitado para Galiza outros 305 millóns nos mesmos conceptos o que demostra, segundo el, que agora para o goberno español é prioritario traer no tempo acordado a alta velocidade ao noso país. O propio ministro recoñeceu que a súa presenza nas obras galegas do TAV, a primeira dende que en abril chegase a Fomento, é para demostrar publicamente o “compromiso cun seguimento en primeira persoa”.

Dende Fomento subliñan que Galiza vai recibir o 12% da obra pública estatal, o que a coloca á cabeza en investimentos. De feito, Blanco sostén que o noso país está aguantando mellor o impacto da crise económica debido a que “está a recibir o maior investimento de obra pública da súa historia”

En 2011, de Santiago a Ourense en 30 minutos

Dende o ministerio tamén recalcaron que as previsións seguen a contemplar que o tramo Santiago-Ourense estea en funcionamento antes que que conclúa o 2011. Coa obra rematada, o traxecto en vía de alta velocidade terá unha duración de media hora.

Ourense-Vigo
Por outra banda, sobre a liña que comunica Ourense con Vigo, Blanco apuntou que está pendente do informe de impacto ambiental e que, unha vez estea concluído, sairán a concurso a licitación de proxecto e a obra "conxuntamente".

"Urxín ao Ministerio de Medio Ambiente para que se poida realizar canto antes", asegurou, "ao tempo que resolveu que o horizonte para a realización dese tramo quedará despexado unha vez conclúa o informe".

Investimento
En canto ao investimento do Ministerio de Fomento na chegada do AVE a Galicia, Blanco avanzou que o próximo 28 de agosto levará ao Consello de Ministros a licitación de subestacións eléctricas do Eixe Atlántico, por un valor de máis de 70 millóns de euros.

Ademais, durante o próximo mes de setembro, Fomento licitará, por un total de 19 millóns de euros, as obras dos accesos a Ourense dende a capital galega.

Túnel do Castro

Xosé Blanco estivo acompañado polo presidente de Adif, Antonio González Marín; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; e por varios alcaldes da zona. Asistiron á apertura do túnel de Castro, de 475 metros, que desemboca na ponte sobre o río Ulla, de 630 metros e un arco de 168 metros de luz sobre o río --o máis alto do Estado Español--.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: