Segundo un informe solicitado pola Comisión Europea, a súa construción levaría as finanzas públicas a unha situación aínda máis delicada.
A Associação Nacional das Pequenas e Médias Empresas (ANPME) de Portugal considera que a introdución do Tren de Alta Velocidade entre Porto e Vigo podería deixar as finanzas públicas nunha situación aínda máis delicada.
Esta é a principal conclusión dun estudo elaborado polo polo gabinete técnico do colectivo á petición da Comisión Europea, en relación a este ramal.
Segundo o informe, "a construción do TGV (denominación en francés empregada en Portugal) levará a unha situación das finanzas públicas potencialmente gravosa para un país xa de si fortemente endebedado".
Prezos elevados
Ademais, a ANPME salienta que "fronte a un custo de prestación de servizo de transporte potencialmente elevado, o mercado potencial con poder de compra é baixo".
"Neste caso, quen vai pagar o prexuízo é o contribuínte", engade o informe que defende "unha melloría nas actuais liñas ferroviarias". Coa liña do Norte renovada "a diferenza estimada en tempo de viaxe será de apenas 38 minutos".
O documento apunta que o prezo a pagar polos pasaxeiros "non é propiamente barato e por iso non estará ao alcance de todos".
Mercadorías
"Portugal é un país pequeno e que non ten mercado suficiente para este tipo de transporte", conclúe o informe, que considera que poderían non existir "pasaxeiros diarios en número suficiente que tornen este medio de transporte rendíbel".
Ao respecto do tránsito de mercadorías, a ANPME considera que a previsión é o crecemento de mercadorías, unha alternativa que, din, é dominante entre o Norte de Portugal e Galiza.