Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordo de Xunta e Fomento

4.700 millóns en 18 meses para acelerar a chegada do TAV

Unha comisión de seguimento avaliará planificación, grao de licitación e execución. As reunións serán cuatrimestrais e a oposición terá presenza.

Redacción - 14:00 21/07/2009

Prazos e cartos. Así o recolle o protocolo asinado esta terza feira pola Xunta e o Ministerio de Fomento durante a visita do ministro, o lugués Xosé Blanco, a Galiza.

De xeito concreto, a liña de alta velocidade ferroviaria contará coa inxección entre o que queda de 2009 e o vindeiro de 2010 dun total de 4,678 millóns de euros. Até finais de ano, o investimento de 1.316 millóns servirá para tres treitos entre Zamora e Lubián, outros tres desde esta localidade até Taboadela, e os accesos da liña a Ourense e Santiago. Ademais, realizaranse actuacións de despregue de vía, electrificación, sinalización e seguridade, tanto nesta liña como na do Eixo Atlántico, onde tamén haberá remodelación de estacións.

Os 3.362 millóns restantes, a investir en 2010, contemplan despregue de vía e electrificación no treito Olmedo-Zamora-Ourense, intercambiadores de largo de vía en Ourense e Zamora e obras en treitos diversos. Outras obras previstas son por exemplo as da dobre vía no treito Ourense-Lugo, e a posíbel estación intermodal na capital luguesa. Entre finais de 2010 e principio de 2011 vanse licitar as estacións do TAV para Santiago, Vigo e A Coruña e prométese "axilizar" o proxecto da estación de Ourense.

Ourense-Santiago, en servizo a finais de 2011
Segundo o calendario achegado este martes, o eixo TAV de dobre vía entre as cidades de Ourense e Santiago entraría en servizo a finais de 2011. Un ano máis tarde, estaría en servizo ao completo o eixo similar entre A Coruña e Vigo. Nesa altura de 2012 quedarían completados entón arredor de 400 dos 600 quilómetros da liña Madrid-A Coruña.

En 2012 habería xa que logo liñas directas que farían os seguintes tempos de viaxe:
Vigo – A Coruña: 1 hora
Santiago – Vigo: 45 minutos
Santiago – A Coruña: 30 minutos
Ourense – A Coruña: 1 hora


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: