O Comité de Empresa cualifica de "golpe de Estado" a convocatoria dunha nova votación do cadro de persoal o vindeiro luns.
O Comité de Empresa deberá decidir en 48 horas se se repite a asemblea
Logo de que xa se celebrase unha asemblea de traballadores na que se rexeitou a última proposta da compañía, un colectivo que di representar ao 40% dos traballadores convocou un novo referendo para o vindeiro luns, unha acción que agora foi considerada de "golpe de estado" por parte da Comité de Empresa. Lembremos que a oferta de Caramelo para compensar aos 237 traballadores despedidos contempla unha indemnización de 39 días por ano traballado, cun máximo de 37 mensualidades e un tope de 60 mil euros.
A CIG é o sindicato maioritario no comité de empresa da téxtil, xa que conta con 12 dos 17 postos do órgano de representación dos traballadores. Mentres, Comisións Obreiras (CCOO), conta cos cinco cargos restantes. Pois ben, outro colectivo que di non sentirse amparado polas forzas maioritarias e que representa principalmente aos membros do cadro de persoal non afectados polo plan de despedimentos, xuntaron as sinaturas necesarias que estipula o Estatuto de Traballadores para a celebración dunha nova asemblea na que se volva a votar a proposta. Esta cita celebraríase o vindeiro luns á tarde na fábrica da Grela. Agora, o Comité ten 48 horas para aceptar ou denegar a iniciativa.
"Golpe de Estado"
O Comité de Empresa cualificou de "golpe de Estado" esta convocatoria, subliñando que "é un disparate" votar dúas veces a mesma proposta. Ademais, segundo o voceiro da CIG, Paulo Carril, quen está detrás desta acción son unha serie de traballadores que están movidos pola empresa". Así, recordou que na última xuntanza "se votou libremente" polo que cre que "non ten sentido tratar de repetir a votación aludindo a que faltaba xente que ía a votar outra cousa", un argumento que considerou inaceptábel en calquera proceso democrático.
Pola súa parte, CCOO considerou "ética" unha nova asemblea e xa adiantou que votará positivamente. O seu portavoz, Xosé Manuel Lado apoiou esta convocatoria "se hai máis participación que na anterior e se o voto é secreto e non a man alzada". Ademais, subliñou que a última proposta da empresa "é mellor que a lei concursal".