O cadro de persoal está a estudar a última oferta da empresa, que mantén os despedimentos mais incrementa as indemnizacións.
Protesta das traballadoras de Caramelo contra o ERE (Imaxe: CIG)
Cando se cumpren dous meses dende que a dirección do grupo téxtil Caramelo presentase un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que contemplaba o despedimento de 237 traballadores (dos 447 que integran o equipo de fábrica da Coruña), a porfía entre patronal e empregados non cesa. A última das propostas, que foi presentada ao comité de empresa coa mediación da Consellaría de Traballo, eleva de 32 a 37 os días de indemnización por ano traballado, cun limiar de 30 meses. Segundo a firma téxtil, para eles supón un "esforzo in extremis" e equivale de media a tres meses e medio de salario neto de cada traballador, o que corresponde a un desembolso de dous millóns de euros máis fronte á primeira proposta.
Non convence aos traballadores
Este último ofrecemento trataría de evitar o concurso de acredores, mais o cadro de persoal recorda que a lei está da súa parte, xa que o informe da Inspección de Traballo ao ERE formulado pola empresa foi desfavorábel. A petición dos sindicatos mantense na solicitude de 45 días por ano traballado cun límite de 42 meses.
Con todo, e como mostra de boa dispoñibilidade, o comité de empresa decidiu pospoñer a folga que estaba prevista para este xoves. Tanto Comisións Obreiras como a CIG confían en acadar un novo avance na próxima xuntanza que está prevista para o vindeiro luns ao mediodía. Porén, dende a patronal xa confirmaron que non vai haber máis concesións na súa proposta, que considera definitiva. Malia que recoñecen o adianto nas negociacións, dende os sindicatos cren que a proposta é moi mellorábel. Así o asegura Dores Martínez, de CIG-Téxtil: "de momento, a oferta é inasumíbel para nós", explica, "sería renunciar aos nosos dereitos cando a empresa nin sequera ten o visto bo da autoridade laboral para afrontar un ERE".
Contactos con Jove
Doutra banda, o conselleiro de Industria, Xabier Guerra, tamén se reuniu cos sindicatos para informalos de que a Xunta mantén contactos co accionista maioritario da compañía, Manuel Jove. Segundo Dores Martínez o conselleiro asegurou que "o Goberno aposta pola continuidade da empresa, que debería continuar coa súa produción na cidade da Coruña". Asemade, segundo lles explicou, Guerra asegurou que "a Consellaría lle expuxo ao empresario a necesidade de chegar a un acordo" e lle pediu "unha actitude flexíbel nas negociacións".
Así as cousas, queda agora por ver cal é a decisión dos traballadores, se aceptan ou non a última proposta da empresa, á que terán que dar resposta o vindeiro luns. A día de hoxe a previsión é non aceptala e agardar melloras, mais logo de que a compañía asegurase que é a oferta definitiva, a partir da vindeira semana agárdase que se desenvolvan os acontecementos.