Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
xuntanza a vindeira sexta feira, na Coruña

A Xunta entra a mediar de cheo no conflito de Caramelo, convocando a empresa e traballadores

Foi a propia Consellaría de Economía e Industria, que dirixe Javier Guerra, a que chamou as partes a negociar sobre o ERE presentado pola compañía para 237 empregados.

Redacción - 08:00 18/06/2009
Mobilización das traballadoras de Caramelo, ante o Parlamento, a pasada semana / Imaxe: CIG

Mobilización das traballadoras de Caramelo, ante o Parlamento, a pasada semana / Imaxe: CIG

A Consellería de Economía e Industria convocou os representantes sindicais de Caramelo e a empresa a unha xuntanza, a desenvolver a vindeira sexta feira día 19 de xuño, no edificio administrativo da Xunta na Coruña, para tratar de retomar as negociacións, tras a súa paralización a semana pasada, sobre o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola compañía para 237 empregados.

Segundo informou a voceira de CIG-Téxtil, Dores Martínez, na tarde da cuarta feira recibiron unha chamada da Consellaría de Economía e Industria convocándoos a esta xuntanza, á que asistirán tamén representantes da Consellaría de Traballo, ademais do titular de Economía e Industria, Javier Guerra.

Dores Martínez trasladou a súa satisfacción pola convocatoria da reunión, aínda que admitiu que a situación "é complicada", en referencia aos acontecementos dos últimos días, como a decisión da empresa de acollerse a un concurso de acredores ou de despedir a 25 traballadores aos que responsabiliza das desfeitas ocasionadas na súa fábrica do polígono industrial de Agrela (A Coruña). A voceira da CIG tamén manifestou a vontade de diálogo dos representantes sindicais, pero instou á empresa "a relaxarse" e non crear "máis tensión", en alusión aos despedimentos de traballadores ou a decisión de reforzar o persoal de seguridade na fábrica. Tamén reclamou que se paralice "o desmantelamento da sección de loxística na fábrica de Agrela", algo que a empresa cualificou de "falso". Por outra banda, reiterou as súas críticas pola decisión de Caramelo de acollerse a un concurso de acredores "sen que estea pechado o ERE".

Ante o anuncio da convocatoria dunha xuntanza para sexta feira, os sindicatos desconvocaron a asemblea de traballadores que tiñan previsto celebrar na quinta, día 18.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: