A dirección da empresa vincula a decisión cos incidente vividos nas instalacións este xoves e asegura que reabrirá cando mellore o "clima de convivencia"
Manuel Jove controla a maior parte do capital de Caramelo
A empresa Caramelo, noutrora un dos buques insignia da moda galega, segue vivindo unha grave crise que ameaza a súa propia existencia. O último episodio protagonizouno a dirección da empresa que decretou este venres un peche temporal das súas instalacións n' Agrela (A Coruña). A patronal vincula esta decisión cos incidentes que se produciron nas instalacións este mesmo xoves.
Fontes de Caramelo explicáronlle a Europa Press que a medida busca “garantir a seguridade das persoas e das cousas”. Engadiron que é unha “medida temporal” até que se restaure o “clima de convivencia e de seguridade na empresa”.
Pola súa parte os traballadores de Caramelo pasaron a noite diante da fábrica onde están concentrados dende que o xoves rachasen as negociación coa empresa. Caramelo mantén enriba da mesa un ERE que afecta a 237 traballadores.
A CIG denunciou diante da Inspección de Traballo o peche decretado pola empresa. Está previsto que as negociacións se reanuden esta mesma mañá e contarán coa mediación de altos cargos da Xunta.