Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os traballadores anuncian mobilizacións

Caramelo despide 237 empregados e endurece as condicións de traballo do resto do equipo

A empresa téxtil presentou un ERE co que xa levaba semanas ameazando. Os responsábeis da compañía reuníronse cos sindicatos, mais non chegaron a un acordo.

Redacción / EP - 15:00 08/05/2009
No centro da imaxe, e con traballadores de Caramelo, Dores Martínez / Imaxe: CIG

No centro da imaxe, e con traballadores de Caramelo, Dores Martínez / Imaxe: CIG

A dirección do grupo téxtil Caramelo presentou esta sexta feira ante a Consellaría de Traballo un expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a 237 dos 447 traballadores que integran o equipo da fábrica da Coruña.

O comité de empresa -composto por 12 delegados da CIG e cinco de CCOO- e a dirección reuníronse de mañá, sen chegar a un acordo, nunha entrevista na que os responsábeis de Caramelo lles entregaron aos representantes dos traballadores a comunicación oficial do ERE e un "documento de medidas sociais", no que aparece unha "esixencia" de "flexibilidade horaria" para aqueles empregados que sigan no equipo, segundo dixo a secretaria comarcal de Téxtil da Coruña da CIG, Dores Martínez.

A responsábel sindical asegurou que os empregados non coñecían, até esta sexta feira, tal documento, no que a empresa pide tamén "mobilidade" aos traballadores e dispoñibilidade para participar en programas de formación, dos que, dixo, non aparecen concretados os termos. Martínez criticou estas novas condicións da dirección, á que acusou de pretender converterse nunha "empresa na que impere a non lei". Ademais do "sacrificio" dos 237 postos de traballo, reprochou que "hai outro sacrificio que vai afectar aos que queden no equipo", que estarán "sometidos a flexibilidade horaria". A representante dos traballadores tamén asegurou que estas medidas son "máis cruentas, se cabe" que as que Caramelo formulara até o momento. Ademais, censurou a actitude da empresa na xuntanza da mañá, pois "volveu sentar cunha postura inamovíbel e intransixente" e a intención de "facer valer o despedimento" destas persoas.

Os traballadores manteñen a folga e preparan máis mobilizacións
Os traballadores teñen previsto desenvolver varias asembleas, aproveitando a fin das quendas de traballo, entre as 14:30 e as 16:00 horas, nas que os integrantes do comité de empresa lles exporán a situación e lles proporán un calendario de mobilizacións para sometelo á súa aprobación. De momento, e "con máis razón que nunca", dixo Martínez, mantense a folga de 24 horas prevista para a vindeira terza feira, 12 de maio, que inclúe tamén unha concentración ante a fábrica, no polígono coruñés d'A Grela.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: