O secretario xeral do
PSdeG e ex conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, cualificou este xoves de "espectaculares" as fotografías que ilustran a seca dun tramo do Sil provocado polas obras da nova central hidroeléctrica Santo Estevo II que realiza a empresa Iberdrola.
Súmase así a
denuncia presentada este mércores polo BNG facéndose eco das
declaracións de ecoloxistas, veciños e concellos que afirmaban que a empresa comezou as obras "antes de ter autorización" e sen as "someter a información pública".
"Todas as alarmas ambientais teñen que estar acesas", advertiu o dirixente socialista nunha rolda de prensa organizada en Compostela, na que instou o Goberno da Xunta a "comprobar" que as obras que está levando a cabo a firma se "adecúan" ao proxecto que ten aprobado.
Vázquez insistiu en que a Xunta "debe pór todas as cautelas" para "protexer" a canle do río Sil posto que, ao seu xuízo, o "impacto" das obras é "evidente". "Aquilo afecta a flora, a fauna e o hábitat", aseverou.
Argumentos do Ministerio O Canón do Sil é un LIC incluído na listaxe enviada a Bruxelas dos lugares protexidos pola Rede Natura. Porén, en Galiza non se aprobou o plan de conservación de uso dos lugares protexidos, o
que lle serviu ao Ministerio español de Medio Ambiente para autorizar a nova hidroeléctrica.
Ao respecto, Manuel Vázquez defendeu a súa actuación cando estaba á fronte da Consellaría de Medio Ambiente na Xunta. "Impulsamos un sistema de protección de Rede Natura", lembrou.