Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Un paso máis cara a paralización do encoro

Europa pediralle contas ao Estado Español por deixar furar nas concas do Sil

Admitiu a trámite as denuncias presentadas pola Fundación Xermán Estévez contra autorización dunha presa no medio da Rede Natura 2000, nos canóns do Sil.

Redacción - 19:00 05/03/2009
Os canóns do Sil / Unha imaxe tirada do Flickr de freecat

Os canóns do Sil / Unha imaxe tirada do Flickr de freecat

En outubro do ano pasado a Fundación Xermán Estévez denunciaba, ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, a construción dunha presa subterránea que a empresa Iberdrola tiña comezado a instalar en plano canón do Sil. A organización tamén presentara unha demanda similar ante o departamento de Medio Ambiente da Comisión Europea.

A denuncia sostén que a obra se vai desenvolver nunha zona incluída, hai oito anos, na Rede Natura 2000 da UE, e que está protexida polo amparo da normativa comunitaria. Segundo lle contou a Vieiros Xermán Estévez, para construír a presa, ademais, estase empregando dinamita nunha área situada a escasos 800 metros do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, amparado pola lei do 1985 de proteccións de bens históricos.

Agora que a Comisión de Peticións da Eurocámara admitiu a denuncia, pediranlle á Comisión Europa que investigue se realmente se está a acometer esta obra na Rede Natura 2000, e finalmente, de ser así, a UE redactará un ditame definitivo e pediralle explicacións ao Ministerio de Medio Ambiente español, que é o encargado de vixiar que se cumpra a normativa comunitaria no Estado.

Unha zona "saturada de encoros" na que pretenden facer un "atentado ambiental"
Este é un dos moitos recursos, segundo contou Estévez, que a súa Fundación ten presentado contra este encoro, que se une tamén ao presentado o pasado mes de xaneiro contra a Dirección Xeral de Minas, que autorizou a obra. Alén disto, hai unha última denuncia posta na Fiscalía de Medio Ambiente contra o director xeral de Urbanismo, que autorizaba a obra, "sen ter competencias e sen contar co informe ambiental pertinente, que chegou posteriormente".

Estévez lembrou que a cunca do Miño-Sil é unha zona xa saturada de encoros -como se sinalou na resolución conxunta que aprobou o Parlamento Galego en outono do ano pasado- e con valores ambientais extraordinarios, e "facer furados subterráneos e furar" nos Canóns do Sil, como pretende Iberdrola, non é máis que "un atentado ecolóxico". Por isto, lle parece a Xermán Estévez "positivo que dende Europa se teña esta sensibilidade", e se traballe por paralizar a nova presa. En palabras desta comisión dependente do Parlamento Europeo: "non se pode executar un proxecto nunha zona protexida e danar a contorna do río Sil que a natureza tardou máis dun milleiro de anos en crear".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: