Os alimentos e o vestido lideran o descenso do IPC, que baixou un 1,4% na súa taxa interanual malia subir cinco décimas con respecto ao pasado mes de maio.
Os produtos de alimentación e o vestido son os que máis se abarataron no pasado mes
Os prezos continúan unha imparábel caída se comparamos o que hoxe pagamos por cada produto de consumo cotián en comparación co que desembolsabamos hai un ano. O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) baixou un 1,4% na súa taxa interanual, é dicir, con respecto ao mesmo mes de xuño do ano pasado. Esta cifra está por enriba da caída rexistrada no Estado Español, onde o descenso foi de unha décima, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Galiza convértese así na cuarta comunidade do Estado cunha caída máis acusada, xa que só rexistraron un descenso maior os prezos de Castela-A Mancha (-2,1%), Canarias (-1,7%) e Castela e León (-1,6%).
Pola contra, se tomamos a taxa mensual, o IPC subiu en xuño cinco décimas con respecto ao mes anterior, unha cifra que tamén está por enriba da media estatal, onde a suba foi de catro décimas.
Baixa a vivenda e o petróleo, soben as bebidas alcohólicas e o tabaco
En xuño, destaca a subida de prezos que experimentou o capítulo de bebidas alcohólicas e tabaco, que elevou a súa taxa anual até o 7,4%, unha escalada que se debe, fundamentalmente, á suba impositiva aprobada polo goberno español para os cigarros. Outra das subas máis destacadas é a dos hoteis, restaurantes e cafés, cunha taxa de 2,9. O transporte finalizou o mes cunha taxa do 2,2%, debido principalmente á suba dos prezos dos carburantes e lubricantes. Destaca, con todo, a diminución dos prezos dos automóbiles.
Pola banda dos descensos de prezos, atópase os alimentos e as bebidas non alcohólicas, cunta taxa do -0,5%, así como o vestido e o calzado, que experimentou o mesmo retroceso nos prezos, fundamentalmente por mor das rebaixas.