O IPC subiu tres décimas en marzo con respecto a febreiro. A taxa interanual descendeu cinco décimas.
Se botamos a vista atrás e analizamos un período de doce meses, a baixada de prezos foi máis sensíbel en Galiza que no Estado Español. No caso galego, o IPC subiu tres décimas con respecto ao mes de febreiro (no Estado fíxoo en dúas décimas), mais os prezos reducíronse medio punto (-0,5%) en comparación co terceiro mes do ano anterior, unha estatística que no caso español non superou o -0,1%. Son os datos que deu a coñecer este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Así os datos, Galiza foi a terceira comunidade na que máis descendeu o IPC nestes últimos doce meses, por detrás de Castela a Mancha (-0,8%) e Castela León (-0,6%). Por provincias, a da Coruña foi a única onde non baixaron os prezos nos últimos doce meses, senón que mesmo subiron (0,1%). Mentres, tanto Lugo, como Ourense, como Pontevedra rexistraron descensos notábeis (-0,8%).
Transporte e combustíbel explican o descenso
O descenso do IPC interanual debeuse fundamentalmente á caída dos prezos do transporte, cunha taxa anual que se reduciu até o 8,2%, como consecuencia da caída dos prezos de carburantes e lubricantes, fronte á suba que experimentaran no mesmo mes de 2008. Tamén baixaron de xeito importante os prezos do ensino (4,3%), das bebidas alcohólicas e o tabaco (3,8%) e dos hoteis e restauración (3,0%). Asemade descenderon os prezos, aínda que en menor medida, no enxoval (2,5%) e na vivenda (2,2%).
No gume da deflación
En conxunto, dende xullo de 2008 até marzo de 2009, o IPC reduciuse máis de cinco puntos, superando as estimacións iniciais do goberno, que agardaba que este indicador pechase 2008 preto do 2% (fíxoo no 1,4%) e que seguise baixando en 2009 aínda que sen chegar a unha situación de deflación. En concreto, o FMI considera que podemos falar de deflación cando os prezos decrecen durante dous trimestres consecutivos.
Esta situación sería prexudicial, porque os consumidores aprazan os seus plans de compra, redúcese o consumo e acaba danándose o crecemento económico. Con todo, o goberno afirma que non hai risco de momento, se ben estes primeiros datos en negativo, de continuar nos vindeiros meses, abren a porta a unha posíbel deflación.