O Fondo Monetario Internacional augura unha contracción de até o 4% en 2009, un punto máis do estimado en abril.
O Fondo Monetario Internacional (FMI) revisou drasticamente á baixa os seus prognósticos para a economía española en 2009 ao augurar unha contracción do 4% este ano, fronte ao 3% estimado en abril, mentres que para 2010 espera un retroceso do 0,8%, unha décima peor que hai tres meses.
A actualización das perspectivas para a economía mundial do FMI supón no caso do Estado Español o empeoramento máis acusado das proxeccións de crecemento para 2009 entre os países desenvolvidos, ademais de ser o único que non tivo unha revisión á alza para 2010.
Ademais, a proxección do FMI volve presentar un escenario máis pesimista que o previsto polo Goberno español, que agarda unha contracción do 3,6% do PIB en 2009 e unha caída da actividade económica do 0,3% en 2010.
"Lenta recuperación" da economía mundial
O empeoramento das perspectivas de crecemento do FMI para a economía española contrasta coas proxeccións para a economía mundial, xa que, aínda que vaticina unha caída do PIB do 1,4% en 2009, unha décima peor que en abril, os prognósticos para 2010 confirman as esperanzas dunha "lenta recuperación" ao prever un crecemento do 2,5%, seis décimas máis que hai tres meses.