Revisa á baixa as súas previsións de crecemento da economía mundial neste 2009 e augura unha contracción do 2,9%.
O prognóstico do FMI fala dunha contracción da economía mundial do 2,9%
Mentres outras institucións falan de brotes verdes e posíbeis recuperacións, o Banco Mundial botou este luns unha nova xarra de auga fría sobre as previsións económicas globais. Revisou á baixa os seus propios vaticinios e informa agora de que a economía mundial rexistrará este ano unha contracción do 2,9%, fronte ao 1,7% estimado con anterioridade, e para 2010 o crecemento limitarase ao 2%, fronte ao 2,3% anterior.
O novo marco de previsións fala dunha contracción bastante máis pronunciada en 2009, do 2,9%, e unha recuperación máis moderada no vindeiro ano, do 2%. Estas cifras, ademais, contrastan tamén coa visión menos negativa do FMI (-1,3% este ano e +2,4% o seguinte).
Unha das economías máis afectadas por este deterioro será, para o BM, a europea. A eurozona rexistraría este ano unha contracción do 4,5%, moi lonxe do 2,7% prognosticado no mes de marzo pola mesma institución. Pola súa parte, Estados Unidos rexistrará unha contracción do 3% (fronte ao 2,4% previo). A porcentaxe elevarase ao 6,8% en Xapón, a segunda economía mundial, dende o 5,3% estimado con anterioridade.