Son 67,4 millóns de hectáreas; terras fiscais que cunha nova lei pasan a propietarios individuais. Permíteselles ter até 1.500 h. cada un, e en tres anos poderán vendelas.
O goberno brasileiro decidiu finalmente legalizar a privatización da Amazonia. Esta semana o presidente Lula da Silva promulgou unha lei que prevé "regularizar" a posesión de terras na floresta por parte individuos que, no pasado, se apoderaran delas de xeito ilícita para cultivar soia e realizar actividades de gandería. Isto significa entregar 67,4 millóns de hectáreas a varias persoas que poderán dispor de extensións de até 1.500 hectáreas.
A polémica lei significa, na práctica, unha derrota dos ambientalistas e un triunfo dos grandes terratenentes.A Amazonia brasileira ocupou primitivamente 5 millóns de quilómetros cadrados. Non se sabe canto ocupa hoxe en día, pero hai algunhas pistas: dese total, só 100 mil km2 están preservados por ser reservas indíxenas e outros 200 mil destináronse á explotación sustentábel; o groso é selva pública que cobre 1,9 millóns de km2 e debería ser un intocábel. Nun comezo, a medida lexislativa cuxo texto foi mandado ao Parlamento polo Executivo e aprobado con modificacións, algunhas substanciais, tiña un xustificativo: transparentar a posesión de latifundios por parte de empresas ou persoas e evitar, polo menos en teoría, que nesas grandes facendas se cortasen árbores da selva en exceso. De acordo co código forestal brasileiro, un facendeiro só pode derrubar o 20% da súa posesión de selva para fins produtivos.
As terras 'griladas' terminarán coa selva
A nova lei, que Lula aprobou a última hora da noite da quinta feira con vetos, contén elementos moi controvertidos. Segundo os ecoloxistas, o obxectivo dos ruralistas non era só conseguir que se aprobase a norma porque legaliza a propiedade de terras que pertencían ao Estado, senón que o segundo paso que planean dar os grandes propietarios é derrubar o Código Forestal. "Xa está en discusión no Congreso e é o paso que falta para lexitimar a devastación da floresta" revelou Igor Santos, director de prensa do Movimento dos Sem Terra (no pasado, íntimo aliado de Lula).
Nas ONG sosteñen que unha parte das terras que serán entregadas aos seus actuais posuidores xa perderon árbores, mais outra parte aínda permanece virxe. E é esa porción a que sería vítima, a curto prazo, das serras e dos incendios.
Para os expertos, chegaba con empregar as terras que xa perderon a floresta e que con todo aínda permanecen improdutivas, para cultivar suficientes alimentos e alimentar o gando, non só para o Brasil senón tamén para o resto do mundo. De acordo cos medios brasileiros esta lei pasará a ser coñecida como o "decreto do grilaxe". Chámanlle así porque os títulos de propiedade de grandes extensións amazónicas foron fraguados polos seus presuntos donos, coma se se tratase de documentos antigos, polo simple método de deixar os papeis durante un tempo en caixas con grilos. O insecto desfai o papel e o seu defecación amarélao.
Para ampliar información: