Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DENUNCIA GREENPEACE

Piratas informáticos contribúen á deforestación da Amazonía

A organización ecoloxista asegura que as madeireiras contrataron 'crackers' para manipular os rexistros que controlan a cantidade de madeira talada.

Redacción - 10:55 04/01/2009

As compañías madeireiras que tentan saquear a selva amazónica están a usar piratas informáticos para irromper no sofisticado sistema de control do goberno brasileiro co obxectivo de manipular os rexistros, segundo denunciou Greenpeace.

O Ministerio do Medio Ambiente do Brasil introduciu hai dous anos un sistema de monitorización en liña para controlar a madeira que sae do estado de Pará. As compañías, que talan o bosque para obter madeira ou para producir carbón vexetal, só teñen permitida unha certa cantidade de madeira ao ano e iso está controlado por permisos de transporte. Para poder exportar madeira dende Pará, cada barco require un deses permisos, expedidos mediante un sistema informático. Cando se supera o límite, non se conceden máis autorizacións.

Pero 107 compañías madeireiras e do carbón contrataron crackers para falsificar os rexistros e aumentar a cota de madeira, segundo informes do Fiscal Federal do Brasil, Daniel Avelino. O resultado é que se comercializaron ilegalmente case 1,7 millóns de metros cúbicos de madeira amazónica, di Greenpeace. A cantidade de diñeiro que supón é "enorme", polo que o Fiscal Federal vai demandar as compañías responsábeis por máis de 600 millóns de dólares.

Segundo Greenpeace, isto é só a punta do iceberg, porque o mesmo sistema é o que se emprega nos outros dous estados amazónicos brasileiros, o que demostra "o fracaso do goberno na protección da Amazonia fronte a compañías madeireiras que incrumpren a lei", e pide adoptar un plan con "obxectivos ambiciosos" para controlar a deforestación.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: