Os traballadores decidiron canstigar agora os sectores máis inflexíbeis nas negociacións: os concesionarios de automóbiles e os instaladores eléctricos e de calefacción.
13h00: Sindicatos deciden castigar os concesionarios de automóbiles e os instaladores eléctricos e de calefacción
Após percorrer a cidade, a producir algún que outro colapso de tránsito, os traballadores do sector do Metal da provincia de Pontevedra en folga xuntáronse na Praza do Rei, para desenvolver a asemblea do que era o seu noveno día de folga.
Na xuntanza decidiron mudar a súa estratexia, e castigar as patronais que están a manter unha actitude inflexíbel na negociación do convenio, sobre todo as direccións dos talleres e dos grandes concesionarios de automóbiles -Asociación de Talleres de Reparación de Automóbiles (ATRA)-, e as empresas de instalación eléctrica e calefacción -asociadas en Instalectra e Foncalor-. Así mesmo, avogaron por "minimizar" as repercusións laborais para os traballadores que secundan a folga, e "evitar" que haxa "esquirois".
Nesta liña, os sindicatos tamén decidiron premiar as patronais que están a ser máis solidarios cos traballadores, coma o sector naval. Deste xeito, os paros nos obradoiros do naval e na automoción serán parciais -medias xornadas-, mentres que as accións se dedicarán a prexudicar a venda dos sectores que máis problemas están a poñer na negociación do convenio. "Imos infrinxirlles o maior dos castigos, dándolles onde máis lles doe, nas vendas dos coches", dicía na asemblea o responsábel da CIG, Antolín Alcántara. A partir desta terza feira diversificaranse as protestas.
Mentres, esta segunda feira á tarde as dúas partes implicadas no conflito, a patronal e os representantes dos traballadores do Metal, volverán xuntarse en Vigo, con mediación da Consellaría de Traballo. A responsábel deste departamento da Xunta, Beatriz Mato, dixo agardar que as conversas desta segunda feira sexan "as definitivas".
11h30: Sindicatos e patronal do metal retoman as negociacións
A negociación desta segunda feira é decisiva. Sindicatos e patronal do Metal da provincia de Pontevedra volven sentar na mesa para tratar o punto do novo convenio do sector no que máis diferencias houbo: o salario.
Despois de que na sexta feira rompesen, outra volta, as negociacións, e despois dos chamamentos dunha e da outra parte, a Consellaría de Traballo entrou a mediar no conflito, e convocou as cinco patronais e os tres sindicatos para retomar as conversas nunha reunión que se desenvolve esta segunda feira, na súa sede en Vigo.
Mentres, a primeira hora da mañá, os operarios saíron dos estaleiros e das fábricas viguesas, e marchan en manifestación pacífica cara a Praza do Rei, fronte ao predio do Concello, onde teñen previsto desenvolver unha manifestación na que os sindicatos os informarán de como avanzan as negociacións, e planearán os seguintes pasos a dar.
Nas semanas de negociacións, entre patronal e sindicatos só se produciu "unha aproximación" de posturas no que respecta á xornada laboral e á duración do convenio. Agora só resta acadar un acordo en materia salarial. A pasada semana, representantes dos traballadores e patronal botáronse a culpa os uns aos outros da ruptura da negociación dun convenio que afecta uns 40 mil traballadores dunhas dúas mil empresas de toda a provincia de Pontevedra. Porén, na sexta a contestación dos operarios foi tal, que por vez primeira en semanas de mobilización viuse afectado o sector da automoción, e mesmo a factoría que o grupo PSA Peugeot-Citroën ten en Vigo tivo que pechar algunhas quendas, ante a falta de subministros para traballar.