Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO METAL

Despois do paro xeral, o luns haberá folga indefinida

Os sindicatos do sector reiteran a súa vontade de seguir negociando o convenio e piden á Xunta que realice unha nova convocatoria entre as partes.

Redacción - 14:30 12/06/2009
Os traballadores, en asemblea esta quinta feira / Imaxe: CIG

Os traballadores, en asemblea esta quinta feira / Imaxe: CIG

18:30: Unha vez rematada a manifestación que discorreu polas rúas de Vigo chega a quenda de facer balance.
Dunha parte, a planta de Vigo de PSA Peugeot Citroën decidiu pechar a quenda de noite na liña un (que fabrica as furgonetas Berlingo e Partner) por mor da falta de suministros provocada pola folga en todo o sector e cifrou en 400 os vehículos que se deixaron de producir na xornada do venres, rebaixando a súa produción de 1.600 a 1.400 automóbiles.

No referente ao estado das negociacións, até o momento están totalmente rotas. Os sindicatos fixeron agora un chamamento á Administración para que convoque ás partes a negociar logo do fracaso das conversas desta semana. De non retomárense as negociacións durante a fin de semana, o luns comezará a anunciada folga indefinida no sector metalúrxico da provincia de Pontevedra.

14h30: Os traballadores terminan co asedio que mantiñan en Balaídos, para impedir a entrada dos operarios de Citroën
A folga do sector do Metal da provincia de Pontevedra tivo esta sexta feira os seus primeiros efectos nas empresas da automoción. A máis grande delas, a factoría de Citroën en Vigo, notou durante todo o día paro nalgunhas das súas liñas de montaxe. Dende as 13h00 os medio milleiro de folguistas arrodearon todo a contorna de Balaídos, tentando evitar o cambio de quenda das 14h00. Pendentes dos seus movementos, unhas 30 furgonetas da policía española e un gran dispositivo de axentes situáronse a uns metros da entrada ao predio, tentando evitar que os piquetes se acheguasen, ao paso aberto para os traballadores da automobilística.

As protestras trasladábanse ao mediodía da Praza do Rei até a contorna de Balaídos, logo de provocaren o caos no tránsito na contorna do Concello e en Beiramar, ao paso dos manifestantes. De mañá tamén houbo cortes nos accesos á AP9 á altura do barrio de Teis.

Entretando, as conversas entre sindicatos e patronal seguen estancadas. Polo seu lado, os representantes do traballadores culparon a patronal de paralizar o diálogo. Ramón Sarmiento, de CCOO chamou á unidade dos traballadores fronte á "intransixencia dos empresarios", lembrando que na mobilización desta sexta feira tamén había operarios de empresas con convenio propio, que se uniron "non só por solidariedade, senón tamén por manter a presión". Polo seu lado, Miguel Anxo Malvido, da CIG, volveu facer un chamamento á "resistencia" dos folguistas, gabando a capacidade dos traballadores do Metal de manterse firmes; e Diego Atanes, de UXT, volveu instar a Xunta a intervir, pedíndolle ao Executivo que non esparexa "unha mensaxe de que os responsábeis da situación son os traballadores", senón que "quen provoca a situación é a patronal".

Polo seu lado, o voceiro dos empresarios, Enrique Mallón, volveu culpar os traballadores do estancamento das negociacións. Nin sindicatos nin patronal recibiron aínda unha chamada da Xunta pedíndolles que continúen coas negociacións e ofrecendo, de novo, a súa mediación.

Feijoo chama á responsabilidade
Mentres, nun acto institucional en Ferrol, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, instou as partes, sindicatos e patronal, a chegar a un acordo definitivo. "Fago un chamamento á responsabilidade das partes para que cheguen a un acordo, porque isto é responsablidade  de todos. Non se pode xogar  cos postos de traballo", foron as súas palabras. A seguir, Feijoo censurou a imaxe que, segundo di, se está a dar de Vigo e de Galiza a través deste conflito.

13h15: Un milleiro de traballadores do metal disponse a parar a produción en Citroën
Despois de percorrer as rúas dende a Praza do Rei até a factoría do grupo PSA Peugeot-Citroën, un milleiro de folguistas do metal situáronse arredor do predio para tentar impedirlle a entrada aos operarios da quenda das 14h00. A idea principal dos piquetes é parar por completo a fábrica automobilística, porén, un gran operativo policial está situado na zona para escoltar os operarios de Citroën, e garantir a súa entrada no predio.

Mentres, dentro da factoría a dirección tenta dobrar quendas e facer o posíbel por non parar as liñas de montaxe. Sobre o mediodía, fontes da empresa revelaban que a folga do metal si estaba a afectar a súa produción. Os sindicatos cifraban a afectación das liñas de montaxe da automobilística nun 30%.

Por volta das 14h30, os traballadores retiráronse, deixando no ar unha ameaza de continuar a folga de xeito indefinido
Depois de desenvolveren unha asemblea, os folguistas foron retirándose na zona de Balaídos, coa promesa de continuar a folga a vindeira semana, e, a base de lle facer presión á patronal, conseguir as súas reivindicacións salariais no vindeiro convenio.

12h30: Citroën comeza a ter "dificultades" na produción debido á folga do Metal
A factoría do grupo PSA Peugeot-Citroën de Vigo confirmou por volta do mediodía, que mantén a actividade en dúas liñas de produción, aínda que "non sen dificultades", por causa da folga xeral do sector metalúrxico.

Segundo informaron fontes da empresa, a actividade comezou co día, "con dificultades", debido aos atrasos na entrada de traballadores e dalgúns subministros, por causa da acción dos piquetes, que chegaron á factoría ás 04h00, para tentar impedirlles a entrada aos traballadores da quenda das 06h00. Aínda que se non se puido cuantificar até que punto se perdeu a produción de automóbiles, dende os sindicatos indicaron que poderían haber uns cen vehículos afectados, sobre todo na liña de montaxe dos monovolumes Picasso.

Por outro lado, a dirección do grupo PSA en Vigo sinalou que agarda que "se respecten e aseguren os dereitos dos traballadores e empresas que desexen continuar coa súa actividade", e fixo un chamamento ás parte implicadas no conflito, "para evitar o deterioro da imaxe de Vigo, e do seu tecido empresarial".

Mentres, os traballadores, por volta de oito mil, diríxense pacificamente cara a factoría, após desenvolver unha asemblea na Praza do Rei, para tentar impedirlles a entrada aos traballadores que entren en Citroën na quenda das 14h00.

10h00: O 90% das empresas pontevedresas secundan a folga do Metal
Após 30 horas de negociacións continuadas, patronal e sindicatos do metal romperon o diálogo esta quinta feira, polo que se mantivo en pé a convocatoria de folga indefinida para todo o sector, incluídas as empresas que traballan con convenio propio, coma o grupo PSA Peugeot-Citroën, as súas auxiliares e os grandes estaleiros da Ría de Vigo.

De madrugada, sobre as 04h00 comezaron as accións dos traballadores, cando un grupo de piquetes se achegou á factoría de Citroën en Vigo, para tentar impedir a entrada da quenda de noite. Porén, debido á grande presenza policial, os piquetes non puideron levar a término a acción, e moitos deles foron identificados pola policía española, mentres outros axentes escoltaban os traballadores ao interior da fábrica.

Xa de mañá, por volta das 06h45, outro grupo de folguistas prendeulle lume a unha fileira de pneumáticos no acceso á autoestrada AP9, cortando o tránsito durante unha hora. Mentres, nos estaleiros da Ría de Vigo e nas auxiliares da automoción organizábanse os operarios para saír en manifestación polas rúas da cidade olívica cara a Praza do Rei, a onde agardan chegar por volta das 11h00, e onde desenvolverán unha nova asemblea para organizar os piquetes para as quendas da tarde.

"Citroën está traballando a medio gas"
Os sindicatos sinalan que o paro desta sexta feira está secundado por un 90% das empresas do sector da provincia de Pontevedra, unhas dúas mil, nas que traballan 40 mil operarios. Un dos retos dos folguistas é conseguir que pare tamén a produción no grupo PSA Peugeot-Citroën.

Porén, de camiño á praza do Concello, o responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, sinalou que o paro "tamén está a afectar a Citroën", onde se está a traballar "a medio gas", mentres as súas auxiliares "están completamente paradas". "Hai un paro do 30%" na automobilística, recalcou Alcántara, quen tamén revelou que a folga está a afectar a produción da liña de construción do C4 Picasso.

Pola tarde, os folguistas teñen previsto organizar piquetes no cambio de quenda de Citroën, e conseguir parar por completo as cadeas de montaxe. Porén, non é unha tarefa fácil xa que, aínda que o sistema é cortar o tránsito e os principais accesos á factoría, alén de atrancar a porta para que non entre o relevo, moitos traballadores acostuman dobrar quenda, e quedar no interior da fábrica para non deter a produción.

08h00: Rachan as negociacións do metal e a folga esténdese á automoción

Sindicatos e empresarios do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra romperon esta quinta feira as negociacións do convenio colectivo, após máis de 30 horas de reunión practicamente ininterrompidas, ao "encallar" as conversas na cuestión do incremento salarial. Unha vez roto o diálogo, mantense a folga convocada para esta sexta feira, que afecta tamén a empresas con convenio propio, como PSA Peugeot Citroën, moitas das súas auxiliares ou os grandes estaleiros da Ría de Vigo.

O presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), José María Hidalgo, responsabilizou directamente os sindicatos do fracaso na negociación e advertiu de que "milleiros de empresas" van ter que pechar. Hidalgo recoñeceu que as partes tentaron "arranxar o que xa non tiña arranxo dende o comezo", e acusou os sindicatos de terse metido "unha calella sen saída, calculando mal os riscos". Neste sentido, sinalou que os empresarios non poden acceder ás súas demandas porque iso significaría "uns custes moi altos que suporían o peche de moitas empresas". Alén disto, o voceiro da patronal tamén criticou que despois de varios días de folga, "con asaltos ilegais e salvaxadas", agora "lle toque" á automoción.

Paro indefinido a partir da semana que vén
Pola súa parte, os representantes dos traballadores nesta negociación (CIG, CCOO, UXT), culparon os empresarios da falta de acordo, e confirmaron que esta sexta feira se desenvolverá unha nova xornada de folga, polo que fixeron un chamamento aos operarios afectados -uns 40 mil de máis de dúas mil empresas da provincia- para que saian un día máis á rúa, o oitavo nas últimas semanas, para defender o convenio colectivo. A partir desta segunda feira, o paro será indefinido.

O voceiro de UXT, Diego Atanes, afirmou que se produciron "moi tímidos avances" que non foron de abondo para pechar un acordo, e lembrou que os tres puntos aos que se reduciu el debate -vixencia, regulación da xornada e incremento salarial- "son un todo e non pode haber acordo nunhas cousas si, e noutras non".

Polo seu lado, o responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, matizou que a razón de que se tivese abandonado a mesa negociadora foi "unha cuestión de vontade", e apuntou que o incremento ao que aspiran os sindicatos supón "dignificar o traballo" dos operarios do Metal, "sen poñer en risco a estabilidade das empresas". Alcántara tamén falou da disposición das centrais sindicais de seguir negociando cando os mediadores da Administración volvan a convocar as partes, e anunciou que se vai "administrar o conflito", por si se alonga no tempo, para que prexudique o menos posíbel os traballadores.

O representante de CCOO, Ramón Sarmiento, explicou que, durante as 30 horas que durou a xuntanza, "houbo momentos nos que o acordo se percibía perto", polo que "hai que recuperar ese escenario". Así mesmo, explicou tamén que, tras a ruptura do diálogo, as posicións no incremento salarial volveron ao punto inicial, no que sindicatos piden un aumento do 4,5% para 2009 e do 4% para 2010; e a patronal ofrece un 1,9% para este ano e o IPC real para o ano que vén.


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: