O obxectivo é implicar ás institucións na promoción dun modelo enerxético máis sustentábel neste órgano.
O sindicalista galego, Fermín Paz, dará voz no Consello Económico e Social das Nacións Unidas (ECOSOC) a medio milleiro de organizacións que están vencelladas á defensa da enerxía e que reivindican que sexa un dereito humano ao servizo do desenvolvemento económico e social. Todos estes colectivos conforman "Dereito á Enerxía-SOS Futuro", con sede en París, organización da que Paz fora nomeado secretario xeral no pasado mes de xullo e que conta con máis de 480 entidades asociadas de 72 países diferentes. Así o papel do galego será o de representar a todos estes colectivos e dar máis pasos na procura dunha maior implicación das grandes institucións na sustentabilidade dos modelos enerxéticos e na busca de efectos sociais positivos.
O Consello Económico e Social é un organismo que asiste á Asemblea Xeral en promocionar a cooperación e desenvolvemento económico e social internacional. Segundo a Carta das Nacións Unidas, ocúpase de promover niveis de vida máis elevados, o pleno emprego e o progreso económico e social, así como de fomentar o respecto universal dos dereitos humanos e financeiros.
Así analizaba Fermín Paz para Vieiros a súa visión do modelos enerxético mundial e as políticas prioritarias que, ao seu entender, se deben acometer: entrevista con F. Paz Lamigueiro: (11-5-2008) "Nesta parte do mundo podemos facer moito".