"Dous mil millóns de persoas non teñen acceso á enerxía en todo o mundo". Falamos con Fermín Paz, representante dun colectivo con "estatuto consultivo especial" na ONU.
Como xorde o vencello con esta asociación e con que prioridade traballa?
Entro en contacto con ela no momento en que era responsábel da Federación de Química e Enerxía da CIG, cando se decide que o sindicato se adhira á asociación, pouco despois de crearse en Francia. Desde aquela, e aínda saíndo da primeira plana da actividade sindical manteño este cargo.
O obxectivo é o recoñecemento do dereito á enerxía como un dereito fundamental, a protección do medio ambiente, a repartición dos recursos enerxéticos e a actuación fronte á situación de millóns de persoas en situación de indixencia enerxética. Nese escenario, queremos facer propostas concretas e realizalas desde unha posición construtiva e na procura da mellor colaboración cos axentes sociais e económicos e estimulando a implicación das grandes institucións internacionais.
Repasando a lista de colectivos adscritos vemos que a asociación xunta voces moi diversas en todo o mundo... Esa diversidade fai difícil chegar a consensos?
Si é certo, e por exemplo vemos que están representadas todas as correntes sindicais. Pero esta pluralidade non evitou ademais que houbera uns criterios e principios de actuación e orientación claros, onde as tensións teñen sido mínimas. Hai un esforzo ademais por garantir a voz dos países en vías de desenvolvemento que son á fin os que máis precisan de seren escoitadas as súas demandas. A suma dos colectivos implicados nesta plataforma ten por tras o apoio indirecto de até corenta millóns de activistas.
Vendo os obxectivos cos que nace, fálase dunha "ética mundial de enerxía"... é complicado falar de "éticas" nun sector onde se moven tantos cartos?
Desde os consellos de administración das empresas deuse en falar de conceptos como o de desenvolvemento xusto e sostíbel, e fronte a iso nós pretendemos que as institucións internacionais supervisen a realidade desas declaracións. Se miramos por exemplo o que determinadas compañías fan aquí ou no terceiro mundo, tamén no contexto do que se deu en chamar deslocalización, vemos o desequilibrio do concepto.
Consideramos que desde unha perspectiva de desenvolvemento xusto debe existir o recoñecemento universal de que todos somos iguais e temos os mesmos dereitos, e neste ámbito, deben existir regras internacionais que impliquen consecuencias prácticas para as empresas en función desas prácticas irregulares. O traballo escravo, o trato degradante, o traballo infantil, os salarios indignos, discriminación laboral, a negación do dereito á negociación colectiva... Son todas realidades fronte ás que existen posicionamentos claros desde a Declaración dos Dereitos Humanos ou desde os Dereitos Fundamentais estabelecidos pola propia Organización Internacional do Traballo.
Isto quere dicir que se se quixera, existen normas internacionais onde ampararse para actuar. O sector enerxético, como outros, veuse rexendo polo impulso de só facer negocio e retribuírlle aos accionistas o máis posíbel. Por iso, pretendemos analizar os investimentos e prácticas reais e animar á súa revisión no marco das normas xurídicas de ámbito internacional que existen.
Foi receptiva a ONU ao respecto das recomendacións do colectivo?
A Asociación Dereito á Enerxía conseguiu un estatus especialmente importante. Iso non significa que, alén da receptividade atopada, a nivel práctico se teña avanzado moito. Pero as Nacións Unidas necesitan de xeito crecente escoitar o que propoñemos, porque partimos da idea de que sen enerxía non se pode facer fronte á pobreza, é un factor de desenvolvemento básico que abre as portas a moitas outras cousas. No ámbito dos obxectivos do desenvolvemento do milenio non se lle ten dado a importancia que merece a este aspecto. Falabamos antes de igualdade, e temos a advertencia matemática de que cos actuais niveis de consumo, se todos os seres humanos xerasen un consumo similar ao que está mantendo a economía occidental, serían necesarios cinco planetas para satisfacer esa demanda.
Pensa vostede entón que está a clave para a viraxe máis no "primeiro mundo"?
Fronte a iso resulta claro que hai que comezar a poñer límites e a repensar condutas. E quen máis se teñen que implicar está claro que son os países occidentais. Hai que actuar nos países desenvolvidos. E antes ou á vez que se lle pide a implicación aos cidadáns, as propias administracións deben dar pasos exemplificantes. Hai detalles evidentes: non pode ser como é agora que pasemos á beira dun edificio público fóra de hora, e que se manteña toda a iluminación acesa.
E con todo, están sendo máis receptivas as administracións fronte ás empresas a este tipo de cuestións?
Son pasos lentos e case imperceptíbeis. Pero está claro que as empresas se están guiando polo criterio de buscar o máximo beneficio. Vemos que mesmo en tempo de suposta crise, rematan o ano cunhas amplas contas de beneficio e aínda se queixan de que as taxas no sector son baixas. Nós non sostemos que a enerxía teña que ser gratis, pero si haberá que pensar no estabelecemento de taxas sociais. Non pode ser que quen dispoña dunha renda elevada poida permitirse o luxo de consumir até límites esaxerados pagando o mesmo. Hai que pensar en que desempregados ou rendas baixas deben ter acceso a enerxía en cantidade e calidade equiparábeis.
De xeito paralelo hai que gañar consciencia no día a día. Hai 2 mil millóns de persoas sen acceso a enerxía no planeta. A pobreza nace de moitos factores, pero este é un clave. Se a ONU entende que debe ser prioritario á hora de loitar polos obxectivos do milenio, veremos como o planeamento de redes e infraestruturas enerxéticas multiplica outras avances ao tempo.
Hai unha crecente presión para que a UE vire en favor da enerxía nuclear, ten un posicionamento esta asociación?
Nós defendemos a soberanía enerxética de cada pobo, e estamos en contra de traspoñer modelos enerxéticos dun lado a outro. Non hai modelo bo, senón modelo axeitado para un determinado lugar. Eu teño a convicción de que non é necesaria e non ten ningún sentido a enerxía nuclear hoxe en día no Estado español. E témome que, se por exemplo, tivese gañado o PP as últimas eleccións, nos encamiñabamos cara a un escenario de potenciación da enerxía nuclear.
Parece que xa non se discute o impacto dos biocombustíbeis no escenario económico internacional, o relator especial da ONU falaba hai pouco dunha moratoria de cinco anos para estes cultivos, que propón a Asociación Dereito á Enerxía?
Se pensamos por exemplo no que non hai moito que propoñía a Comisión Europea vemos o estremo ao que se chegara: falábase de chegar a uns niveis que só podían ser satisfeitos pasando a adicarlle o 30% de superficie de cultivo. Iso non é aceptábel. Desde un punto de vista científico está ademais demostrado que se está gastando moita enerxía na propia produción dos biocarburantes. É dicir, a enerxía obtida por unidade de superficie é moi pequena, a eficiencia é realmente baixa se pensamos por exemplo nos avances que xa se están facendo, e máis que se farán, no ámbito das células fotovoltaicas, que garanten rendementos moito maiores.
A etiqueta do "bio" fixo que a xente entrase ao trapo, e deuse o paradoxo de que non só non se conseguía loitar contra o cambio climático senón que se xeraba pobreza, destruíanse selvas e afectábase a produción de alimentos. Todo isto formou parte ademais dunha nova burbulla a zoupar na economía internacional. Está habendo un refuxio do capital nas materias primas, estase especulando con elas. Disparouse o prezo do arroz, do millo, do cobre, do petróleo, vaino facer o do café...
O impacto dos biocombustíbeis será un dos asuntos dos que se reflexionará a próxima semana en Santiago, no encontro internacional organizado pola Asociación. Entre outros, haberá tamén dúas mesas de traballo, baixo os títulos 'A enerxía e os retos de presente e futuro', e 'A enerxía e a sustentabilidade e os aspectos sociais'. Segundo explica Fermín Paz Lamigueiro, membro do Buró e do Consello de Administración da plataforma, debaterán ademais sobre outras metas, baseadas na convicción de que é posíbel conciliar lóxica económica e dereito á enerxía nunha perspectiva de desenvolvemento sustentábel. "Nesta parte do mundo podemos facer moito", confía.