O colectivo involucra a medio milleiro de organizacións en 72 países a prol da enerxía como "dereito humano" ao servizo do desenvolvemento económico e social.
"Queremos facer propostas concretas e realizalas desde unha posición construtiva e na procura da mellor colaboración cos axentes sociais e económicos e estimulando a implicación das grandes institucións internacionais". Así explicaba o pasado mes de maio en entrevista para Vieiros o sindicalista galego Fermín Paz a actividade da asociación "Dereito á enerxía – SOS Futuro".
O colectivo organizou daquela en Galiza varias xornadas de estudo baixo os títulos 'A enerxía e os retos de presente e futuro', e 'A enerxía e a sustentabilidade e os aspectos sociais'. Agora, e durante a sesión do consello de administración que celebrou esta fin de semana en Brasil, a plataforma elixiu por unanimidade a Fermín Paz Lamigueiro como novo secretario xeral da asociación. Con sede en París, "Dereito á Enerxia- SOS Futuro" ten asociadas a mais de 480 organizacións de 72 países. O consello tamén elixiu como presidente a Pierre Jean Coulon e como tesoureiro a Mustafa Bouras. De xeito paralelo ao consello celebrouse o congreso "Enerxia e inclusión social" convocado pola sección brasileira da asociación. As diferentes delegacións tamén participaron
no seminario "Enerxia, biocombustíbeis e alimentación".
Longa traxectoria no sindicalismo
Militante nacionalista galego dende a década dos 70, Fermín Paz Lamigueiro ocupou diferentes responsabilidades sindicais nas Pontes, na comarca de Ferrol, a Federación de Químicas e Enerxía da CIG e na súa executiva confederal.
Foi secretario xeral adxunto da Unión Internacional de Sindicatos do Metal, Petróleo, Enerxía, Química e Afíns, así coma outras responsabilidades sindicais e políticas, tanto a nivel nacional e internacional.