Foi identificado en Compostela. Permanece incomunicado na comisaría de Ourense, e prevese que pase esta quinta feira a disposición xudicial.
Segundo informan dende Ceivar, esta cuarta feira foi detida unha outra persoa relacionada cos actos de protesta á manifestación que percorreu as rúas de Compostela o domingo, contra a normalización lingüística do galego.
Trátase de Roberto Conde, un mozo ourensán que foi identificado o domingo pola policía española na Alameda compostelá, e que, ao iniciarse unha carga, segundo contan, non puido recuperar a súa documentación.
Ao parecer, Conde está incomunicado na comisaría ourensá, e prevese que pase entre a tarde da cuarta ou a mañá da quinta feira a disposición xudicial, momento no que se coñecerán os cargos que se lle imputan. Esta detención súmase ás 10 que se produciron o mesmo domingo 8 en Compostela, porén, estas persoas están xa en liberdade con cargos.