Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na segunda feira

Quedan en liberdade con cargos seis dos detidos na contramanifestación

Tres son acusados de atentado á autoridade e danos, e outros tres de atentar contra un dereito fundamental. Aínda quedan por declarar catro militantes independentistas.

Redacción - 18:30 09/02/2009
Concentración, na mañá da segunda feira, nos xulgados de Compostela

Concentración, na mañá da segunda feira, nos xulgados de Compostela

18:30 horas: Segundo informan dende Ceivar, quedaron en liberdade con cargos outras tres persoas detidas durante a manifestación deste domingo. Trátase dos tres militantes de Isca! que irromperon na mobilización disfrazados de vacas, cuns carteis nos que se podía ler "El gallego es para hablar con las vacas" ("O galego é para falar coas vacas"), e que están acusados de atentar contra un dereito fundamental, o dereito de manifestación.

Aínda fican por declarar tres militantes de Nós-Up -entre eles un seu voceiro, o compostelán Carlos Morais, acusado de atentar contra a autoridade, polo que lle piden de un a tres anos de prisión- e un militante de Briga. Estes últimos, segundo Ceivar, estarían acusados de protagonizar desordes públicos, polo que poderían cumprir de seis meses a tres anos de cárcere.

Dende Ceivar tamén reiteraron, unha vez falaron coas persoas que saíron en liberdade, as "condicións degradantes" nas que estes pasaron a noite nas celas da comisaría. Segundo lle contou a Vieiros un membro desta organización, os 10 detidos pasaron a noite sen mantas, e fóronlles retiradas as sabas; alén diso, tiveron que permanecer durante horas en celas en deplorábeis condicións hixiénicas, xa que había feces, vómitos e restos de comida no chan. A luz permaneceu acesa toda a noite, e a cada pouco os axentes baixaban ás celas para proferirlles insultos aos detidos, ademais de facer ruído constantemente para impedir que puidesen durmir. A un dos detidos, segundo aseguran dende este colectivo, retiráronlle a medicación que debe tomar diariamente, e aseguraron que "xa o levarían ao hospital se esvaecía".

Arestora, unhas 40 persoas permanecen ás portas dos Xulgados de Fontiñas, en Compostela, amosando a súa solidariedade cos detidos que aínda permanecen no predio.

17:20 horas: A xuíza de instrución, Ana López Suevos, deixou en liberdade con cargos a dous militantes de Ceivar e un militante independentista que foron detidos este domingo durante os enfrontamentos coa policía española rexistrados na manifestación contra o galego. Os outros sete arrestados pasarán, ao longo da tarde, a disposición xudicial.

Os tres independentistas en liberdade son acusados de atentado á autoridade (o que supón de un a tres anos de prisión) e un delito de danos (de un a tres anos de prisión, e multa de 12 a 24 meses), e quedan á espera de xuízo.

A primeiras horas da tarde desta segunda feira declaraban ante a xuíza os tres detidos membros da organización Isca!, e prevese que a partir das 17:00 horas comparezan os restantes detidos, catro persoas, tres delas militantes de Nós-UP e unha de Briga.

09:52 horas:
Na mañá desta segunda feira pasarán a disposición xudicial as 10 persoas detidas este domingo en Compostela, durante a manifestación contra a normalización da lingua galega, que se desenvolveu polas rúas da cidade.

Unha concentración agardaba ás 09:00 horas desta mañá á porta dos Xulgados de Fontiñas para coñecer a situación dos detidos e amosarlles a súa solidariedade. Estas dez persoas, entre elas algunhas que sufriron fortes contusións durante a manifestación, pasaron a noite nas celas da comisaría de policía de Compostela, e, segundo lle contou a Vieiros o responsábel nacional de Ceivar, Joám Peres, "o trato non foi moi agradábel, xa que había moita xente coas roupas molladas, e nin sequera lles deron unha manta, nin de comer en todo este tempo".

Peres tamén sinalou que durante toda a mañá do domingo, así avanzaba a manifestación cara a praza da Quintana, houbo outras moitas persoas agredidas pola policía que tiveron que ser trasladadas cara o hospital. "Hai moitos feridos, pero non todos están contabilizados; ademais, a policía estivo toda a tarde comprobando os partes de lesións e as denuncias, tomando os datos das persoas que as presentaban, supoñemos que para presentar antes eles mesmos unha súa denuncia", sinalou o membro de Ceivar.

Esta segunda feira coñeceranse os cargos que se lle imputan ás persoas detidas. Segundo informaron dende Ceivar, algún dos detidos podería ingresar directamente en prisión.

Detidos dende a mañá do domingo
Os nomes das persoas detidas fóronse coñecendo aos poucos, durante toda a tarde do domingo. Ás 17:30 horas convocouse unha concentración ante a comisaría, para pedir a súa liberdade. Até alí achegouse o presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, ofrecéndose como mediador para falar cos axentes e interesarse pola situación dos detidos.


4,58/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Durante a manifestación foron detidas 10 persoas / Imaxe: Galiza Indymedia
Durante a manifestación foron detidas 10 persoas / Imaxe: Galiza Indymedia
Nos enfrontamentos coa policía resultaron feridas varias persoas / Imaxe: Galiza Indymedia
Nos enfrontamentos coa policía resultaron feridas varias persoas / Imaxe: Galiza Indymedia
Na tarde do domingo desenvolveuse unha concentración ás portas da comisaría, pedindo a liberdade dos detidos / Imaxe: Ceivar
Na tarde do domingo desenvolveuse unha concentración ás portas da comisaría, pedindo a liberdade dos detidos / Imaxe: Ceivar