Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Co aval do PP, UpyD e Falange

Inédita manifestación contra o galego na capital do país

Ana Pastor, Afonso Rueda ou Carlos Negreira, entre os políticos que asistiron á marcha onde se pediu a derrogación do marco legal que protexe a lingua.

R. Noguerol - 15:30 08/02/2009
Tags:

Actualización 15h:
Falar galego foi este domingo en Compostela unha das arbitrarias e sorprendentes causas polas que a Policía lle puido solicitar a vostede a documentación se estaba arredor do mediodía no contorno da Praza da Quintana. Aló se concentraban a esa hora os asistentes á manifestación contra o galego convocada pola plataforma Galicia Bilingüe. Co apoio, entre outras formacións políticas, do Partido Popular, UpyD ou Falange, o colectivo xuntou unha nutrida representación en Santiago de Compostela, chegada en buses fundamentalmente de Vigo, cidade onde naceu a asociación, e tamén de fóra do país ao abeiro do apoio doutros colectivos que teñen convocado ou avalado actos a prol dos privilexios para o castelán e contra catalán ou éuscaro, como é o caso da Asociación de Vítimas contra el terrorismo, Asociación Por la Tolerancia de Cataluña, Circulo Balear ou Plataforma para a Liberdade de Elección Lingüística de País Vasco.

Os manifestantes marcharon desde a Alameda até a Praza da Quintana, no medio de bandeiras españolas e arengas contra a normalización lingüística. Fixérono entre unha elevada presenza de policías, que cargaron con belixerancia contra os grupos de persoas que se concentraron durante a marcha con lemas en favor do galego. Os principais incidentes producíronse ao inicio da marcha, no contorno da Alameda compostelá, cando o cruce de berros a favor e en contra do galego se resolveu coa carga policial no lombo das mozas e mozos que berraban baixo o lema "En Galiza, en galego" ao paso dos manifestantes. Máis tarde, na Praza de Praterías, axentes policiais zouparon con porras contra rapaces que, de xeito pacífico, despregaran un cartaz en favor do galego ao paso dos manifestantes. Houbo incidentes tamén na Quintana, onde os manifestantes contra o galego bateron noutros dous rapaces que abriron cadanseu cartel a prol da lingua, sendo estes os retirados do lugar pola policía.  Un alto número de axentes concentráronse no contorno da praza, solicitando a identificación dos cidadáns de xeito arbitrario e, aparentemente, segundo puido comprobar Vieiros, con criterios tales como a lingua e a indumentaria. Cando menos producíronse dez detencións, estando confirmada a de Carlos Morais, un dos voceiros de Nós-UP, e Santiago Mendes, membro da mesma formación. Tamén hai detidos pertencentes ao colectivo xuvenil Isca. Durante a tarde deste domingo houbo concentracións diante da comisaría compostelá, a prol da liberación dos detidos.

Voces contra o ensino en galego

A manifestación rematou coa lectura, en castelán agás dúas frases finais, dun documento por parte dos voceiros do colectivo Galicia Bilingüe, onde de xeito concreto se falou contra o uso do galego no ensino. O colectivo expuxo de forma específica a súa posición contra o estabelecemento de porcentaxes en galego e español, indicando que só aceptarán que se permita a libre elección de aulas integramente en español. Foi nese sentido que reiteraron a súa posición a prol da supresión de todo o marco legal actual de normalización lingüística.

En favor deste argumentario contaron coa presenza de numerosos representantes políticos. Acudiron por parte do PP o secretario xeral do partido, Afonso Rueda, o voceiro municipal na Coruña, Carlos Negreira, o voceiro en Pontevedra, Telmo Martín, a secretaria executiva de Política Social, Ana Pastor ou, entre outros, Ignacio López Chaves, deputado no Parlamento. Tamén destacou a presenza de Rosa Díez, a líder de UpyD.

A voceira municipal do PP en Vigo e candidata número dous do partido pola provincia de Pontevedra, a ex alcaldesa olívica Corina Porro, foi unha das asistentes, e á vez tamén das máis activas á hora de unirse aos manifestantes contra a lingua coreando as diversas mensaxes berradas polos convocantes.

No acto final, os organizadores salientaron especialmente o apoio de diversos persoeiros, entre outros o da escritora Marta Rivera de la Cruz. De xeito especial, tamén agradeceron o apoio do actor Manuel Manquiña.


14h: Nos incidentes do inicio da marcha, cando menos producíronse tres detencións, estando confirmada a de Carlos Morais, voceiro de Nós-UP, e Santiago Mendes. Para a tarde deste domingo, ás 17h30, hai convocadas concentracións diante da comisaría compostelá, a prol da liberación dos detidos.

Chega ás rúas compostelás, co aval do PP, a manifestación contra o galego

10h: A derrogación do marco legal que protexe a lingua é a reivindicación principal da plataforma organizadora.

A presunta imposición do galego é a argumentación principal pola que se mobiliza a plataforma Galicia Bilingüe, que este domingo convocou en Santiago de Compostela unha manifestación contra a lingua do país.

Paradoxalmente, e malia que o actual marco lexislativo foi aprobado, co consenso de todas as forzas políticas, durante a etapa do PP no Goberno, significados representantes da formación veñen sumándose agora ás teses favorábeis á supresión da lexislación impulsada no seu momento para a normalización lingüística. A líder do PP vigués, Corina Porro, o voceiro municipal do PP na Coruña, Carlos Negreira, e o propio secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, son algúns dos membros deste partido que se teñen pronunciado a prol das propostas do colectivo e en apoio da manifestación deste domingo. Ningún deles foi desautorizado polo actual presidente da formación, Alberto Núñez Feijoo. En plena precampaña electoral, Feijoo mantén unha ambigua mensaxe ao respecto do tema lingüístico, mesmo empregando en ocasión algunhas das frases que o propio argumentario do colectivo usa en contra do plano de normalización.

Segundo comunicou a asociación Galicia Bilingüe, a mobilización desta fin de semana está apoiada por diversos persoeiros, entre os que citan a novelista luguesa Marta Rivera, o actor Manuel Manquiña, a catedrática compostelá Esperanza Guisán ou o ex ministro José Manuel Otero Novas. Acudirá tamén Rosa Dïez, deputada de UpyD no Congreso.


Ligazóns

2,86/5 (57 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: