Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTATÍSTICA OFICIAL

Mercar unha vivenda, aínda máis difícil

O número de inmobles hipotecados descendeu un 8,3% en outubro e o importe medio caeu un 12%.

Isabel G. Couso - 19:00 07/01/2009

Menos hipotecas e máis baratas. Así se podería resumir o último dato ofrecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que revela un importante descenso no número de vivendas hipotecadas. No pasado mes de outubro constituíronse 3.343 préstamos deste tipo (un 8% menos que no mesmo período do ano anterior) e o importe medio situouse nos 107.303 euros (un 12,2% máis económicas).

Con estes datos na man, podemos concluír que o mercado da vivenda está a axustarse á conxuntura de crise baixando os prezos dos inmobles, unha tendencia que se suma ás dificultades crecentes para conseguir un crédito. É dicir, os bancos e caixas de aforro continúan a pechar unha billa que xa non fai empréstitos a calquera prezo, máis ben reduciunos á súa mínima expresión. Para mostra, o capital prestado en outubro ascendeu a 328 millóns de euros, un 19,6% menos que no ano anterior.

A fotografía do mercado inmobiliario complétase con outras estatísticas ofrecidas polo INE: en Galiza a compravenda de inmóbeis descendeu menos que na estatística estatal (27,7%) chegando até o 10,3%. A súa maior parte (2.093) correspondéronse a vivendas libres e 170 protexidas. Ademais, 1.500 eran novas e case 770 de segunda man. Así demóstrase o que xa vaticinaban as enquisas: o mercado de vivenda usada afúndese até o 44,7% con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

O tipo de interese comeza a baixar
En outubro o tipo de interese medio foi do 5,46%, o que supón un 10,4% máis que hai un ano. Con todo, se comparamos este dato co do mes de setembro podemos falar xa dun descenso do 2,7%. Mentres, os prazos mantéñense: aqueles que asinaron unha hipoteca no décimo mes do ano contraeron unha débeda para os vindeiros 24 anos (en caixas de aforro) e para 22 anos (nas entidades bancarias).

O interese variábel continúa a gañar adeptos e o 96,4% das hipotecas constituídas utilizou este tipo, fronte ao 3,6% que optou polo fixo. O Euríbor foi unha vez máis a referencia máis utilizada, co 87,1% dos novos contratos. Finalmente, neste mes cambiáronse as condicións dun total de 779 hipotecas galegas (un 31,8% de modificacións menos).


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: