Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Premios Adega ás actuacións ambientais

Osíxeno para o Caurel e Dioxina para os xigantes eléctricos

Recoñecemento para o caurelés Xan de Vilar e para a Cooperativa de cultivo ecolóxico Raíña Lupa, en Quilmas. Na beira escura: a "inesgotábel cobiza" das eléctricas.

Redacción - 19:05 29/12/2008

Xan Sánchez Rodríguez, coñecido polo alcuño Xan de Vilar, veciño do lugar de Vilar do Courel, en Folgoso, é un dos heroes ambientais do ano, en atención aos premios Osíxeno, feitos públicos este luns pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). "Pola súa teimuda defensa do patrimonio natural e etnográfico do Courel", expón o xurado, en recoñecemento ao compromiso persoal e a toda unha vida de traballo no seu museo etnográfico (casa do Ferreiro) na restauración e conservación da Ermida de San Roque ou na recuperación da historia e tradicións caurelás.

Xa de xeito colectivo, o premio Osíxeno vai tamén para os homes e mulleres da Cooperativa de cultivo ecolóxico Raíña Lupa de Quilmas (Carnota) pola súa valentía na loita contra o Plano Acuícola, "a súa imaxinación e o seu esforzo para botar a andar un proxecto sustentábel nos terreos que ocuparía o cemento e as lonas negras de Stolt". Entenden desde Adega que se trata dunha iniciativa que é exemplo de desenvolvemento sustentábel e compromiso coa Terra "que deberían imitar moitas empresas e administracións".

As dioxinas para o lado escuro
"Son o verdadeiro trío calavera". Así lle adican desde Adega o premio Dioxina na categoría colectiva á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel ás eléctricas que operan en Galiza, Endesa, Fenosa e Iberdrola. Repróchanlles desde Adega a falta de sensibilidade ambiental "inesgotábel cobiza e total desprezo polo patrimonio natural de Galiza". A galería de denuncias que lles apoñen inclúen a emisión de gases de efecto invernadoiro, acidez do Eume, macrolagos das Pontes e Meirama ou as novas centrais hidroeléctricas no Miño e Sil.

Na categoría individual, Adega outórgalle a Dioxina a Jorge Santiso Blanco, secretario xeral da Consellaría de Medio Ambiente e presidente de Augas de Galiza, pola que avalían que foi "a inoperancia e desleixo diante das continuas agresións que sofren os nosos ríos e por tentar someter ás asociacións ambientalistas galegas utilizando as subvencións públicas como instrumento clientelar para promover un ecoloxismo acrítico e servil".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: