A plataforma que reúne unha vintena de colectivos sociais, mantén as protestas, tamén polas sancións impostas a varios dos seus membros.
Á sombra do TAV mantense a degradación dos servizos ferroviarios
Unha ducia de estacións foron xa desmanteladas e desde a plataforma Salvar o Tren temen que Fomento continúe a arramplar coas vías. Máis de cen mil veciños que até hai ben pouco tiñan acceso a servizos ferroviarios a pé dos seus fogares perden esa posibilidade a medida que o despregue do TAV continúa e o Ministerio levanta as vellas liñas.
A inminencia electoral parece ter freado de momento a supresión das infraestruturas. En meses pasados, e malia que desde a Consellaría de Política Territorial, a conselleira María Xosé Caride insistira publicamente en que contaba co compromiso do Ministerio de Fomento para que non se levantase "nin un metro máis de infraestrutura existente", o departamento de Magdalena Álvarez continuou coa supresión de vías. Na rede poden ver o vídeo realizado polo programa de La Sexta "Caiga quien Caiga", onde o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cualifica de "un conto chino" as acusacións dos veciños de Portas, unha das zonas máis activas na protesta.
A plataforma "Salva o Tren" pecha o ano esta semana en Pontevedra concentrándose fronte á subdelegación do goberno español en Pontevedra. De xeito concreto, protestarán contra as sancións que lle foron impostas a dous dos seus membros, multas por valor respectivo de 2.000 e 500 euros, por mor dunha acción anterior do colectivo. Á beira, aproveitan para seguir trasladándolle á cidadanía as súas denuncias polo que acontece cos servizos ferroviarios en Galiza.