Unha semana despois da aprobación no Parlamento dunha proposta para a creación dun Ente Xestor de Infraestruturas Ferroviarias.
"Nocturnidade e aleivosía". Son os cualificativos cos que desde a Plataforma Salvar o Tren se refiren ao último episodio protagonizado polo Ministerio de Fomento do que se ten noticia a pé das liñas ferroviarias. Un veciño que vive perto da estación de Catoira espertou durante a noite do pasado día 14 co barullo dos operarios que levantaban no lugar quilómetro e medio de vía do tren.
Paradoxalmente, desta volta nin sequera agardaron á posta en marcha doutra variante do TAV. "Fulminaron de golpe o 50% da operatividade da estación", láianse desde o colectivo. Recordan que a propia conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, xa asegurara que non se levantaría nin un metro máis da infraestrutura existente. Recordan ademais as promesas do presidente da Xunta sobre a esixencia do traspaso do tren de proximidade, a moción do BNG sobre o mesmo tema ou a proposición non de lei do PP sobre o fomento destas liñas. Quéixanse os veciños de que Fomento segue "burlándose" dos cidadáns mentres quedan en papel mollado os diversos compromisos políticos.
Madrid ignora a Política Territorial
Malia que María Xosé Caride asegurou que pediría explicacións ao respecto, a propia conselleira recoñecía este mércores que o seu departamento solicitoulle reiteradamente ao departamento xestionado por Magdalena Álvarez que non se realizasen novas retiradas de liña ferroviaria. Subliñou Caride que Fomento lle asegurou á Xunta que se cumpriría con esa petición, malia que a realidade nas últimas semanas amosa o contrario.
Non só Fomento teima en levantar as vías, senón que a subdelegación do goberno español na provincia de Pontevedra, na man de Delfín Fernández, actuaba con belixerancia fronte ás mobilizacións dos veciños que tentaban paralizar a acción dos operarios do ministerio. Así, hai poucos días coñecíase a multa de 1.500 euros para unha veciña pola súa participación nunha concentración promovida polo propio alcalde de Portas o pasado mes de xullo, en protesta pola supresión da liña de tren que durante un século pasou polo lugar.
O ente ferroviario propio vai para lonxe
Durante o debate do estado da nación, PSdeG e BNG acordaron a pasada semana unha proposta de resolución na que instan a Xunta á creación dun Ente Xestor de Infraestruturas Ferroviarias para a xestión das cercanías ferroviarias e para impulsar, en colaboración cos concellos, "novas iniciativas de mobilidade que permitan mellorar substancialmente a oferta de transporte público urbano e metropolitano".
Con todo, o proxecto semella ir para lonxe. A conselleira de Política Territorial ten comentado ao fío que no que queda de lexislatura non haberá tempo para a creación deste organismo, indicando que previamente deberá aprobarse a lei de fomento do transporte público, que incluirá a creación do Ente Xestor Ferroviario.