A partir deste luns 192 países inician as conversas que culminarán o vindeiro ano cun novo acordo que substituirá ao Protocolo de Quioto a partir de 2012.
Acadar un acordo moito máis ambicioso que o de Quioto para a redución de emisións. Ese é o obxectivo que se marcou este Cumio do Clima que se celebra en Poznan (Polonia) e que nace xa con poucas expectativas por mor do contexto internacional. Dunha banda a crise financeira e a recesión económica e doutra a ausencia do futuro presidente de Estados Unidos, Barak Obama, están a vaticinar uns cativos resultados para esta Conferencia das Nacións Unidas. É máis, xa se deixaron oír voces como a do propio ministro de ambiente polaco (anfitrión da xuntanza) na que solicitaba un aprazamento na loita contra o quencemento global.
Unhas nove mil persoas, entre delegados de 192 países, empresarios, organizacións ecoloxistas e investigadores inician este luns as súas conversas que se prolongarán durante dúas semanas. Este será o punto intermedio para a cumio definitivo, que se celebrará en Copenague (Dinamarca) o vindeiro ano, cando se prevé que se aprobe un novo acordo sobre o réxime climático internacional de redución de emisións de CO2, que substituirá ao Protocolo de Quioto a partir de 2012.
Europa dividida
A UE aposta por un ambicioso calendario para reducir as emisións, máis as voces discordantes como a de Polonia e mesmo Italia, xa se deixan oír. Malia que a tese xeral é que a crise non debe entorpecer os progresos na loita contra o quencemento global, o certo é que estes dous países xa anunciaron o seu veto ás propostas de reducir un 20% as emisións no 2020 con respecto aos valores de 1990 e á intención de que proceda de fontes renovábeis o 20% da enerxía consumida. Ademais, estes dous puntos debateranse paralelamente en Bruxelas os días 11 e 12 de decembro, co que un cumio solapará ao outro.
Países en desenvolvemento
Doutra banda, agárdanse as clásicas tensións entre os países desenvolvidos e os emerxentes. Os primeiros sosteñen que se os segundos non asumen os compromisos de redución de emisións o problema non se vai solucionar. Mentres, os países en vías de desenvolvemento consideran que a cuestión do quencemento global obedece á acumulación das emisións ao longo da historia, gracias ás cales os Estados do Primeiro Mundo conseguiron o seu desenvolvemento. Así, reclaman o seu dereito a progresar e, en consecuencia, a contaminar