Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ VEIRAS, MEMBRO DE VERDEGAIA

"Almacenar o CO2 retarda o problema, mais non o resolve"

A primeira planta experimental de captura e almacenamento de carbono situarase no Bierzo e estará operativa no 2010.

Isabel G.Couso - 09:00 23/10/2008

Enterrar o dióxido de carbono. Esa é a proposta que fan algúns xeólogos e científicos para loitar contra o cambio climático e semella ser unha opción defendida tamén polo goberno español, quen ven de prestar o seu apoio á creación da Plataforma Tecnolóxica Española do CO2 (PTECO2). Esta organización, formada por 34 entidades privadas do sector industrial e tecnolóxico e por 36 organismos públicos do ámbito da educación e da investigación, presentouse publicamente en Madrid e deu a coñecer os seus obxectivos, entre os que se atopa a creación dunha planta de almacenamento de CO2 no Bierzo. Segundo explica o presidente de PTECO2, Santiago Sabugal, o propósito é que esta infraestrutura se sitúe en Cubillos do Sil, onde se atopa unha central térmica de carbón, e que estea operativa en 2010.

Viabilidade en cuestión
Segundo os cálculos do Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC) da ONU este sistema permitirá absorber entre o 15% e o 55% das emisións de dióxido de carbono. Porén, os ecoloxistas pensan doutro xeito e así nolo manifesta Xosé Veiras, responsábel de cambio climático da organización Verdegaia. "Esta solución non vai á raíz do problema, que sería o camiño cara un modelo enerxético sustentábel". Ademais, recorda que "aínda hoxe hai dúbidas sobre a súa seguridade, e sobre como se garantirá que este almacenamento sexa duradeiro e non haxa ningún risco".

Contra estes argumentos, a Plataforma asegura que aínda que se aposte por un modelo baseado nas enerxías renovábeis sempre haberá procesos en moitos sectores industriais que precisen da queima de combustíbeis fósiles. Ao respecto, Veiras entende que esta solución non é máis que temporal, e lamenta o apoio do goberno español a este modelo que perpetúa precisamente a utilización do carbón, do gas natural ou do petróleo: "esta tecnoloxía non é máis que unha fuxida cara adiante, un intento de prolongar por máis tempo o uso deste tipo de combustíbeis cando se debería traballar na redución do consumo e no fomento de enerxías renovábeis". Neste sentido, entende que o goberno está ao carón da industria enerxética e non aposta por introducir cambios estruturais no modelo económico, ao tempo que acusa á propia sociedade de non interesarse no aforro enerxético como vía de solución contra o quencemento global.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: