A Xunta pedirá ao goberno central que se establezan compensacións fiscais para os propietarios forestais por consumir CO2.
A superficie forestal de Galiza ocupa dúas terceiras partes do seu territorio, o que supón máis de dous millóns de hectáreas. Os nosos montes convértense así nun sumidoiro de dióxido de carbono e dos gases de efecto invernadoiro, pero tamén nunha grande maquinaria de transformación ambiental grazas á capacidade de absorción de CO2 das formacións vexetais.
Doutra banda os montes comunados galegos supoñen un terzo da nosa superficie forestal, polo que estas entidades poderíanse converter nun importante instrumento na política forestal. Así o ve o BNG, quen presentou unha proposición non de lei que ven de contar con todo o apoio do Parlamento Galego. Socialistas, nacionalistas e populares veñen de aprobar esta iniciativa que insta á Xunta a que pida ao goberno central a establecer compensacións fiscais para propietarios de montes veciñais e mancomunados. Trátase de recoñecer a labor dos propietarios dos montes, pero tamén é un comezo para implantar unha política forestal que implique unha nova ordenación do territorio, sostible e allea aos incendios.
Apoio de toda a cámara
As tres voceiras en materia de medio ambiente consensuaron un texto que agora será trasladado ao goberno do Estado. A socialista marisol Soneira salientou que "igual que os que máis contaminan compran os dereitos para seguir contaminando, é lóxico que se recoñeza aos propietarios que contribúen á loita contra o cambio climático". Mentres, a deputada popular María Isabel García Pacín, pediu estender estas compensacións aos propietarios de parcelas forestais, extremo que non foi apoiado polo BNG. A nacionalista Tareixa Paz asegurou que a Consellería de Medio Rural xa ten en marcha outras medidas encamiñadas a este fin.