Os estudantes póñense en folga pola defensa da universidade pública, a baixada das taxas e a elaboración dun financiamento. Os Comités cifran o seguimento nun 90%.
Esta cuarta feira 19 de novembro os estudantes das tres universidades galegas estaban chamados a unha folga, convocada polos Comités Abertos de Facultade (CAF), encamiñada a protestar polo atraso na creación do plan de financiamento e pola suba das taxas.
Na actualidade o gasto que a Xunta fai nas Universidades do país corresponde a un 0,75% do PIB, e o obxectivo é chegar ao 1,5% en 2015. Porén, os estudantes non están de acordo cos proxectos orzamentarios, principalmente porque unha parte importante do financiamento sae dos seus petos, e porque, din, a universidade cada vez é menos pública. Coa reivindicación dunha xestión integral do gasto universitario como a principal, a maior parte dos estudantes galegos secundaron esta xornada de paro nos sete campus do país.
Carga contra os manifestantes en Lugo
A primeiras horas da mañá, os Comités cifraban o seguimento do paro nun 85 ou 90% nas tres universidades. Nas concentracións posteriores xuntáronse uns 350 estudantes en Compostela e 300 na Coruña; 200 en Vigo e Lugo; e uns 150 nos campus de Pontevedra e Ourense. Segundo recolle a axencia Europa Press, no acto de protesta en Lugo, tres estudantes resultaron feridos durante unha carga policial, ao estar encadeados perante a sede da Subdelegación do goberno español, durante a lectura dun manifesto. Un deles, militante da organización estudantil Agir e menor de idade, foi levado a comisaría.
"Queremos saber en que e como gastan os nosos cartos as tres universidades galegas"
Hai unha semana, Vieiros entrevistou a Marcos Loureiro, para coñecer as principais reivindicacións que chamaban o estudantado a mobilizarse. Na base está aínda a suba das taxas -motivada pola entrada no espazo europeo de educación, o chamado Plan Boloña-, mais tamén a necesidade de coñecer en que se gasta todo o diñeiro que pagan os propios estudantes, alén de reclamar un maior financiamento público para as universidades. Poden ler aquí aquela entrevista.
Manifestación dos estudantes de Enxeñería Informática
Ao tempo que se mobilizaban os estudantes universitarios nos sete campus galegos, os enxeñeiros informáticos de sistemas saíron á rúa para reivindicar que se regule a profesión e que se termine co intrusismo laboral. O colexio profesional cifrou as persoas mobilizadas en 5.000, ao tempo que denunciaba a situación "de total inxustiza" co sector da informática, onde hai anos que se está adiando "a concesión das competencias profesionais propias da titulación".