Mentres os CAF convocaron unha folga para esta cuarta feira, outras organizacións estudantís están a prepararse para combater a suba das taxas.
Segundo o responsábel nacional dos CAF-CAE, Gael González, a media mañá o seguimento do folga era moi alto: "hai un índice de participación moi alto. Nós estamos na Coruña e non hai case xente nas facultades; e os que están, andan pola biblioteca ou nas aulas de informática".
Os Comités Abertos de Facultade tiñan organizados para este mércores, alén da folga, varios actos. Na Coruña, ademais dos piquetes informativos, está programada unha concentración nos Novos Ministerios, para o mediodía. En Compostela, tamén ao mediodía, os estudantes íanse reunir na Praza do Toural, para despois ir en manifestación cara a reitoría, onde os ía recibir o reitor en funcións. Tamén ao mediodía, en Pontevedra estaba organizada unha caceirolada, na Alameda, fronte á delegación provincial de Educación.
Había concentracións en Vigo e Ourense, e en Lugo e Ferrol habíanse facer actos arredor da imaxe da campaña dos comités, baixo o lema "Paremos a suba das taxas". "Conseguimos o que nos propúñamos", dixo o responsábel dos CAF, "facer unha concentración por universidade".
Os apoios doutras organizacións
A folga dos CAF foi apoiada polo Sindicato de Estudantes, mais non por outras asembleas e organizacións de estudantes. A asociación estudantil IESGA manifestou esta semana a súa repulsa pola suba das taxas, e cando Vieiros falou coa coordinadora da asociación, Azucena Rodríguez, estaba nunha xuntanza, na Universidade da Coruña, con outras organizacións estudantís na que estaban a elaborar un escrito común de rexeitamento á suba das taxas públicas, decidindo cal vai ser a postura común e concretando as accións a facer.
De feito, Rodríguez díxolle a Vieiros que a súa asociación non secunda a folga dos CAF porque "facer unha folga xusto antes dunha ponte parécenos moi irreal. Ademais de non asistir ás aulas, as folgas requiren facer concentracións de estudantes para que sexan informados, por iso se deben facer os días que haxa máis xente nas facultades, e non antes dunha ponte, para que os estudantes entendan que é real".
Na Universidade da Coruña, dada a alta representación de estudantes no Claustro (75), podería chegar a conseguirse que a propia institución se declare contraria á suba das taxas. "Imos tentar mover esa posibilidade", dixo Azucena Rodríguez, "para que a universidade se comprometa, os estudantes ímonos posicionar en contra".