Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XORNADA DE MOBILIZACIÓNS

O bacharelato mobilízase pola laicidade e a universidade baléirase contra a suba de taxas

A CIG sinala que un 75% do profesorado de Educación Física, Filosofía e Historia foron á folga e os CAF falan de paro masivo nas facultades.

Redacción - 19:35 29/04/2008

O responsábel de CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou de moi positiva a xornada de folga do profesorado convocada polo sindicato para amosar a súa oposición ao decreto do Bacharelato. De feito, asegurou que máis do 75% dos docentes das tres materias que verán reducido o seu horario lectivo -Filosofía, Educación Física e Historia- secundou o paro. Tamén valorou favorabelmente o feito de que moitos profesores doutras materias se solidarizasen cos seus compañeiros.

CIG-Ensino tamén convocou unha concentración á que asistiron unhas 4.000 persoas, segundo afirmou Louzao. A forza sindical considera que a reforma dos horarios en Bacharelato a custa de Filosofía, Educación Física e Historia mantendo a Relixión, polo que avoga pola retirada desta última materia do horario lectivo, garantindo un ensino laico e adaptando os currículos "á nosa realidade, cultura e historia".

Louzao cualificou a actitude da consellaría de "autoritaria e prepotente" polo feito de non dialogar nin negociar co profesorado, e propuxo que se destinen tres horas semanais a Educación para a Cidadanía, dúas a Educación Física e catro a Historia, que se reforce Música, que se poidan estudar todas as materias de Tecnoloxía e que se introduzan optativas como Historia e Xeografía de Galiza, Literatura Galega do século XX, Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía e outras referidas á Educación Física. Tamén pediu que todos os centros de ensino secundario ofrezan, cando menos, dúas modalidades de Bacharelato.

Ademais, criticou a actitude do partido responsábel da Consellaría de Educación, o PSOE, polo feito de falar de diálogo pero non practicalo.

Folga do estudantado universitario
Tamén estivo de folga este martes o estudantado universitario, aínda que por outro motivo: a suba das taxas de matrícula. O responsábel dos CAF, Gael González Veira, asegurou que o seguimento do paro foi "practicamente total en todos os centros dos sete campus galegos", agás en "casos anecdóticos".



Porén, as concentracións foron menos numerosas por mor "do tempo". Aínda así, xuntáronse unhas 300 persoas en Compostela, na Coruña e mais en Vigo. González Veira explicou que se entregou no rexistro a solicitude de entrevista co Director Xeral de Ordenación Universitaria que prometera o pasado mes de setembro.


4,2/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: